Abre en Vilalba a mostra 'Os Maragatos da Porta de San Pedro'

A Casa da Cultura de Vilalba acollerá a exposición Os Maragatos da Porta de San Pedro, que organizan o Colectivo Egeria e a Fundación Carmen Pérez-Carro, e que estivo aberta anteriormente en diversas cidades e vilas de toda Galicia. A exposición estará en Vilalba desde o 8 ata o 22 de xullo, e será inaugurada o día 8 de xullo ás 12:30 horas.
A Mostra está composta por doce paneis en galego e castelán, e recolle un resumo da historia da familia Pérez-Carro, asentada en Lugo desde 1880, e o seu importante papel comercial e social na cidade no decurso destes 145 anos. Os contidos da exposición están recollidos no catálogo que se entregará gratuítamente aos visitantes.
Cara a 1880, a primeira xeración dos Maragatos da Porta de San Pedro (Lugo), o matrimonio formado por Tomás Pérez Carro e Vicenta García Carro, procedente de Santa Colomba de Somoza, no corazón da Maragatería leonesa, asentouse fronte á histórica Porta Toledana da Muralla lucense (a actual Porta de San Pedro), converténdose en lucenses. O 19 de abril de 2021 cumpríronse 40 anos do falecemento do cabeza de familia da segunda xeración, Tomás Pérez-Carro García (Lugo, 1895).
Con este motivo, a terceira xeración desta familia pon en marcha este proxecto para investigar na historia desta familia, a súa procedencia leonesa e asentamento en Lugo, e a súa especial traxectoria ao servizo do comercio lucense, representada na actualidade polo histórico establecemento que rexe na rúa San Pedro María del Carmen Pérez-Carro García, a máis nova dos membros da terceira xeración dos Maragatos da Porta de San Pedro.