Abre en Vilalba a segunda feira do libro Vilalé
O circuíto de Feiras do libro de Galicia 2022, impulsado pola Federación de Librarías de Galicia co apoio da Xunta, abriu as súas portas onte en Vilalba, coa Feira do Libro Vilalé 2022, onde permanecerá ata o domingo. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na inauguración da feira, cuxo pregón de apertura correu a cargo de Luz Airado.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades reiterou o compromiso e o apoio do Goberno galego ao sector a través de acordos como o asinado coa Federación de Librarías para as Feiras. Tamén aludiu a distintas liñas específicas de axudas coas que o Goberno autonómico colabora para apoiar aos sector do libro. En concreto, para impulsar a dinamización da lectura nas bibliotecas municipais, tradución de obras, adquisición de novidades editoriais, subvencións ás empresas editoriais que superan os 2M€.
Así mesmo, Anxo M. Lorenzo animou aos cidadáns a achegarse ata a praza da Constitución da capital da Terra Chá para visitar as dez casetas e participar nas distintas actividades (entre obradoiros, charlas, presentacións, contacontos...) dirixidas a todos os públicos e, especialmente, aos máis pequenos.
Os establecementos e entidades participantes son a Libraría Tótem; Libraría Pedreira; Libraría Cortizas; Libraría Andel; Carlin; Iescha/Biblioteca Vilalba; Libraría Paperix; Libraría Pergaminos, e a Deputación de Lugo.
O venres pola tarde tivo lugar A Festa das Primeiras Letras, unha proposta municipal para promover a lectura e a socialización en galego de nenas e nenos de 0 a 6 años.
Vilalba será durante tres días a capital do libro en Galicia e pola feira pasarán autoras locais como Antía Yañez, Cecilia Santomé, Luz Airado e María Xosé Lamas. Tamén contarase coa presenza para facer sinaturas de Marisa Vidal Collazo; Rober Cagiao; Juan Galán; Xesús Rábade Paredes, ou Brenda Mondelo.
O horario da feira será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Haberá tamén obradoiros durante os tres días e un 10% de desconto na compra dos libros.
A Vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, participou tamén na inauguración da Feira do Libro de Vilalba. No percorrido pola feira, achegouse ata a caseta do Servizo de Publicacións da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, onde o público asistente pode consultar o catálago de publicacións da editorial institucional, ao que se incorporaron no último ano títulos como A vangarda das formas. Obra cerámica de Isaac Díaz Pardo coordinado por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda, Ciencia e conciencia. Historia social de Fernando Villapol Parapar, Fotografía matemática con imaxes do profesorado e do alumnado do IES Enrique Muruais da Pontenova ou o último volume da colección de Historia Philtáte, coordinado por Dolores Dopico Caínzos e Manuel Villanueva Acuña. Os libros editados polo Servizo de Publicacións poden ser adquiridos nas librerías da feira, co desconto do 10 por cento.
Maite Ferreiro ratificou o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a este tipo de iniciativas que “achegan os libros ao público e ofrecen unha grande visibilidade a librarías, autores, autoras e editoriais”.
A Vicepresidencia da Deputación de Lugo apoia, a traves dun convenio coa Federación de Librarías de Galicia, a organización de diferentes feiras do libro na provincia, como as de Ribadeo (Letras no Campo) e Lugo -que xa se celebaron-, Vilalba, Viveiro, Foz ou Monforte de Lemos.
Pincha na imaxe para consultar o programa: