Abre en Vilalba unha exposición de óleos de Carlos Martínez
O Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a acto de inauguración da exposición de óleos de Carlos Martínez O meu mundo. A inauguración será na Sala de Exposicións do Auditorio Muncipal de Vilalba, o xoves 29 de novembro, ás 20:30 horas. Poderá contemplarse ata o 7 de xaneiro de 2019.
Conforman a colección un total de 35 cadros, pintados a óleo, con temática variada, aínda que con preferencia ás paisaxes.
Carlos Martinez naceu en Vilalba en agosto de 1959 e en 1960 emigrou cos seus pais a Andorra la Vella (Principado de Andorra). Alí comezou a pintar na súa casa dun xeito autodidacta e no ano 1990 inscribiuse na Escola D’Art de Sant Julià de Lória (Andorra) ata o ano 1992, momento no que voltou á súa terra natal. En Vilalba, dende hai moitos anos, é Cristina Fernández, de As Prietas, quen se ocupa de axudarlle a facer saír o seu mundo interior cara aos lenzos.
A obra de Carlos destaca pola súa apariencia inxenua asimilable ao denominado Arte Naïf, nembargantes, non fai un uso estudiado dos pinceis, senón que plasma sobre as teas o seu xeito particular de ver o mundo. O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza esta exposición para dar a coñecer o entusiasta traballo deste artista, cuxas pinturas caracterízanse por ser moi coidadosas, deliñadas e coloristas.
As trinta e cinco obras que se expoñen foron realizadas a óleo e mostran na súa maioría a temática preferida polo artista: as paisaxes. Todo ser humano enfróntase con moitos obstáculos ao longo da súa vida, pero Carlos atopou na pintura unha pasión que lle permete superar os seus, e esta exposición é unha mostra desa superación.