Abre este venres o Centro de Interpretación de Bretoña

TerraChaXa
O Centro de Interpretación de Bretoña está a últimar as xestións para abrir este venres, día 2, ao público este museo e amosar e por en valor a antiga diócese britoniense, que estivo vixente entre os séculos V e VII e contou cunha gran afluenza nos primeiros albores do Reino de Galicia.
Casa de galocha muso diocesis museo
1 Aug 2019

O Centro de Interpretación de Bretoña está a últimar as xestións para abrir este venres, día 2, ao público este museo e amosar e por en valor a antiga diócese britoniense, que estivo vixente entre os séculos V e VII e contou cunha gran afluenza nos primeiros albores do Reino de Galicia. “Os pobos necesitan coñecer o seu pasado para traballar no presente e proxectar o futuro” di o alcalde da Pastoriza Primitivo Iglesias.

Este Centro será o primeiro museo que trate sobre a comunidade bretoa que se asentou entre os séculos V e VI e que fundaron unha das sedes episcopais de Galicia, a Britonensis, predecesora da actual Diocese de Mondoñedo-Ferrol.

“A nosa intención era que puidera abrir a principios de agosto pero para iso necesitamos rematar algunhas xestións burocráticas”, engade Iglesias. Así, cunha serie de paneis interpretativos da historia dos bretóns, a historia da illas e a onde fuxiron, amósase aos visitantes como era Galicia, que tipo de paisaxe había e explícase a realidade relixiosa tanto galega como dos bretóns.

O CIN de Bretoña pretende homenaxear tamén á figura de Chamoso Lamas, que foi o comisario de patrimonio de Galicia e quen escavou en diferentes lugares interesado polos bretóns e a zona desta parroquia pastoricense. Na exposición hai tamén unha fouce de ouro e unha reproducción no centro, ademais dunha pía de mármore.

“Un pobo que descoñece a súa historia é un pobo sen futuro e sen vida. Por esa razón, coa axuda da Deputación, GDR e investimentos propios do concello comezamos a montar este pequeno museo sobre o pasado histórico da parroquia de Bretoña entre finas do seculo V e VII. Hoxe é un museo de pequenas dimensions, pero moi interesantes, a miña esperanza é a de ir engadindo novos elementos que o fagan cada día máis atractivo, non só para os habitantes da Pastoriza e a súa contorna senón a todo tipo de visitantes que se acheguen pola vila e que veñan aquí precisamente a coñecer o museo”, engade Primitivo Iglesias.

O museo ubícase na Casa da Galocha, tamén coñecida como Casa do Médico, unha vivenda particular que o Concello adquiriu fai varios anos para rehabilitar.

No Centro de Interpretación de Bretoña realízase un percorrido pola viaxe e as particularidades de Britonia, protagonista dunha Galicia que deixaba atrás a Antigüidade para introducirse na Idade Media.

Este Museo abrirá os venres, sábados, domingos e luns de 10:00 a 18:00.

HISTORIA

A sede deste museo está na planta baixa dun edificio histórico da Pastoriza, a Casa de Galocha, que foi reformada para acoller unha exposición permanente que abordou a historia do pobo celta que chegou a estas terras desde a provincia romana de Britania e que fixaron a súa capital en Bretoña e fundaron un bispado.

O territorio da antiga diocese dos bretóns ocupou principalmente a franxa costeira da Mariña de Lugo ata a comarca da Terra Chá, chegando a súa influencia ata as costas da comarca do Eo-Navia polo leste, e de Ferrol polo oeste. A súa antiga sé, coñecida co nome de Mosteiro Máximo foi identificado por algúns autores coa basílica medieval de San Martiño de Mondoñedo, onde se atopan restos do séculos V-VI d.C. Cambiando de sé e nome en varias ocasións, a actual diocese galega de Mondoñedo é a súa sucesora histórica

A diocese de Britonia debeu ser fundada por bretóns insulares, os primitivos bretóns ou britanos, como habitantes da illa de Bretaña. Compelidos polas invasións anglosaxoas, grupos xermanos que desembarcan na Gran Bretaña, comunidades bretoas abandonan a illa entre o século IV e VII, dirixíndose basicamente ás costas galas, onde se asentaron na península de Armórica, que acabou por tomar o nome actual de Bretaña, a consecuencia deste poboamento.

Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente. Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña na Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.

A igrexa parroquial de Santa María de Bretoña é o unico vestixio conservado da antiga capital dos bretóns durante os primeiros séculos da Idade Media. Ben que edificación recente, o tempo actual foi erixido sobre as ruínas do antigo mosteiro principal das terras de Britonia, e conserva varias pedras da primixenia edificación, como a cabeza do anxo na entrada da torre do campanario.

Unhas excavacións realizadas nos anos 1970 deixaron á luz a extensa estrutura do orixinal mosteiro, descubríndose varios nobres sartegos, estancias, e divisións, sempre cubertas dunha capa de cinza en recordo do terror viquingo que destruiu a principal fonte de poder bretón en Galicia.

0.17605876922607