Abre na Casa da Cultura de Vilalba a mostra itinerante sobre Xosé Vizoso

TerraChaXa
A exposición, que chega a Vilalba da man do Instituto de Estudos Chairegos, reúne preto dun cento de carteis e ilustracións
exposicion-iescha-xose-vizoso-vilalba
9 Apr 2025

A deputada de Cultura Iria Castro participou na inauguración da exposición Universo Vizoso na Casa da Cultura de Vilalba, onde permanecerá ata o 7 de maio. Trátase da primeira parada na itinerancia desta mostra comisariada por Aser Álvarez e financiada pola Vicepresidencia da Deputación, que amosa a evolución creativa do artista mindoniense Xosé Vizoso, recentemente falecido, alén da súa traxectoria como deseñador de Sargadelos.

A exposición, que chega a Vilalba da man do Instituto de Estudos Chairegos, reúne preto dun cento de carteis e ilustracións, así como a escultura San Froilán, fotografías do arquivo familiar e textos que poñen en relevo as súas diversas facetas artísticas.

Iria Castro explicou que "a mostra se concebiu con motivo do nomeamento de Xosé Vizoso como artista homenaxeado polo Día da Ilustración, unha efeméride promovida pola Asociación de Profesionais da Ilustración que desde a área de Cultura apoiamos todos os anos para contribuír ao recoñecemento desta disciplina artística e das súas creadoras e creadores" e valorou que "neste caso a homenaxe recaese nun artista xenial como Xosé Vizoso, cunha traxectoria tan vinculada á provincia".

A responsábel provincial agradeceu "a colaboración do Instituto de Estudos Chairegos para organizar, xunto co Concello de Vilalba, esta primeira itinerancia da mostra da que destacou, entre outras pezas, a escultura "San Froilán" que forma parte das coleccións do Museo Provincial de Lugo e que por primeira vez sae da institución".

A mencionada escultura é unha peza na que o artista mindoniense fai unha reinterpretación da iconografía clásica do patrón da cidade de Lugo, recoñecido pola mitra de bispo, o báculo e o lobo que camiña ao seu lado, realizada a base de ensamblar placas de ferro de diferentes formas coas que obtén unha representación esquematizada.

A obra forma parte das coleccións do Museo Provincial de Lugo xa que foi premiada cun segundo premio, dotado coa cantidade de 50.000 pesetas e medalla de categoría de prata, no concurso da exposición de pintura e escultura lucense celebrada no paraninfo da Deputación de Lugo, en 1976, con motivo da celebración do Bimilenario da cidade.

Texto de Aser Álvarez González, comisario da exposición

“Cando unha galiña pon un ovo faillo saber a toda a aldea, mentres que unha troita deixa milleiros de ovos no río sen que ninguén se decate. Con este sinxelo exemplo describía Xosé Neira Vilas o traballo artístico de Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950), un dos máis grandes artistas lugueses. No bacharelato tivo de profesor ao escultor valenciano Juan Puchades, quen estimulou nel a vocación polas artes plásticas. Con 18 anos comezou a traballar en Sargadelos, no departamento de deseño, onde creou ducias de pezas e deseñou e ilustrou centos libros. Pero Vizoso é tamén autor de carteis e logotipos, así como escenógrafo, retratista, caricaturista, pintor e muralista.

Aplicada á alta produción cultural, ao cartelismo, ao deseño gráfico e industrial, á creación do obxecto único e belo e duradoiro para sempre, a arte de Vizoso é múltiple e, sen nos decatar nós ás veces, o seu xenio contribuíu e contribúe de forma decisiva á formación da paisaxe visual do noso tempo. Non só produce obras senlleiras ou modelos de obra serializabel. Tamén, e ao mesmo tempo, dita a sensibilidade e o estilo colectivo da época co seu xenio artístico.

Coñecémonos con motivo dunha reportaxe televisiva que fixen sobre unhas pezas que estaba a preparar para conmemorar o centenario do Quixote. Fixémonos amigos e logo comezamos a argallar proxectos xuntos, coma o mítico Mural do Furriolo, unha homenaxe ás vítimas da represión franquista, “un berro de liberdade e dignidade”, como dixo Isaac Díaz Pardo o día que o inauguramos nun acto memorable en Celanova (Ourense) en 2006. Esta exposición é, xa que logo, un relato moi persoal e fondamente marcado pola nosa relación de amizade. Velaquí unha pequena mostra da súa obra como ilustrador, deseñador, escultor, cartelista, muralista, pintor ou caricaturista, coa provincia de Lugo como fío condutor.

Este proxecto nace cando descubro o Universo Vizoso na súa casa. Dende ese día, escoito falar as pezas, os bocetos e os carteis das romarías e festas populares, así coma os seus retratos tabernarios, murais e ilustracións. Vizoso é moito máis que o seu traballo en Sargadelos. Por iso quixemos axudamos a crear a súa propia web, un documental e esta pequena exposición que é so un petisco dunha obra artística inmensa e imprescindible na arte contemporánea galega. Unha viaxe iniciática polo Universo Vizoso a través da provincia de Lugo. Un mundo ateigado de tesouros que habitan o máxico universo deste artista total.”

⚙ Configurar cookies
0.16088914871216