Abre nas Pontes a exposición 'Man a man'
O Concello das Pontes inaugurou, no primeiro andar do Mercado Municipal, a exposición arqueolóxica Man a Man; un percorrido pola prehistoria e a antigüidade do municipio a través dos obxectos elaborados a man polos homes e mulleres que habitaron As Pontes.
Elena López, responsable de Turismo, apunta que "nesta exposición, destinadas a todos os públicos, amósanse obxectos arqueolóxicos de diferentes períodos históricos da nosa vila, agrupados cronoloxicamente e acompañados por carteis que permitirán ás persoas que se acheguen ata o Mercado Municipal coñecer o pasado das Pontes dun xeito ameno e didáctico".
A exposición, articulada en catro grandes bloques temáticos- a través de vitrinas- inicia a súa andaina nas medoñas do Neolítico, hai aproximadamente oito mil anos, momento no que as sociedades humanas comezaban a constuir poboados estables debido ao desenvolvemento da agricultura e da gandaría e nas que a tecnoloxía para a elaboración de ferramentas experimentaba un avance co pulido da pedra.
A exposición vai avanzando para chegar ao Calcolítico, período que marcou o inicio da arquitectura monumental, etapa da que se amosan obxectos relacionados con sepulturas prehistóricas, entre as que destacan as tumbas asociadas ao fenómeno campaniforme.
A continuación a exposición adéntrase na Idade do Metais, no período que da lugar á cultura galaica e que se mostra nas vitrinas a través de restos de cerámica para uso na cociña, un fuso para a fía da lá ou un muíño circular.
A última parada achegará ás persoas visitantes aos vestixios deixados polas persoas que viviron na confluencia dos ríos Eume e Chamoselo a finais do Imperio Romano, hai máis de mil seiscentos anos, a través de tellas que cubrían edificacións e restos de cerámica de mesa ou os restos dunha ánfora.
As pezas expostas proceden da colección do Concello froito das escavacións e prospeccións arqueolóxicas que tiveron lugar no espazo que ocupou a explotación mineira del lignito , entre as que se inclúen pezas atopadas nas medoñas das parroquias da Vilabella, Santa María das Pontes, Seoane e o castro galaico de Espiñaredo.
Completan a exposición pezas cedidas pola Universidade de Santiago de Compostela, das coleccións de Santiago de la Iglesia e Federico Maciñeira, obxectos pertencentes ás primeiras escavacións realizadas nas Pontes de García Rodríguez e pezas cedidas polo Museo Arqueolóxico de San Antón, correspondentes ás escavacións das medoñas da Mourela, realizadas por Federico Maciñeira a finais do século XIX así como do xacemento da época romana do Chamoselo escavado polo Concello das Pontes e pezas cedidas, de forma desinteresadas, por particulares.
Entre as pezas destacan tégulas decoradas, fragmentos de sigillata e fragmentos de cerámica común do xacemento romano do Chamoselo, aixolas de seixo, lascas e raspadeira do xacemento da Mourela asi como adornos persoais elaborados en pedra pulida, un vaso campaniforme, un enxoval de cobre e cerámica galaica e de mesa.
A exposición elaborada por Cultureume, está apoiada con ilustracións de Laura Decibreiro, nas que recrea coa súa mirada escenas cotiás das diversas épocas da historia das Pontes. Estará aberta ata o 15 de outubro e é preciso concertar cita previa no número 673240434 ou a través do correo electrónico turismo@aspontes.org