Abre no Auditorio unha exposición histórica sobre Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba vén de inaugurar a exposición Vilalba no tempo, un traballo do obradoiro de emprego realizado no consistorio para a dixitalización do arquivo municipal.
29 Ago 2019

O Concello de Vilalba vén de inaugurar a exposición Vilalba no tempo, un traballo do obradoiro de emprego realizado no consistorio para a dixitalización do arquivo municipal. O goberno local deixa nas mans da veciñanza este percorrido pola historia vilalbesa, dende o reinado de Isabel II ata o comezo da Guerra Civil.

“Pensamos que a nosa historia ten que ser devolta ao pobo, coa importancia que merece a memoria do transcorrer dos tempos”, afirmou a alcaldesa, Elba Veleiro, engadindo que “estamos moi satisfeitos do gran traballo que sae do primeiro obradoiro de dixitalización, pola implicación tanto das alumnas como do profesorado nun acometido tan importante como o de ordenar e clasificar os documentos do arquivo municipal”.

A exposición reflicte a repercusión que tiveron en Vilalba moitos dos fitos históricos, como as primeiras eleccións municipais con sufraxio universal, a chegada da Segunda República e a presenza de Manuel Azaña e Santiago Casares Quiroga en Vilalba, a votación do proxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia, o golpe de estado de Francisco Franco, e tamén, como non podía ser doutra maneira, a importancia centenaria dos queixos vilalbeses, o labor filantrópico dos emigrantes coa creación de trece escolas no Concello ou a difícil situación do campesiñado vilalbés no último cuarto do século XIX.

A exposición enmárcase dentro do labor de información e difusión “que debe cumprir todo Arquivo Municipal, entendido como un servizo máis para a cidadanía”. Desde esta perspectiva, “non debemos considerar a historia como algo morto, senón como motor de desenvolvemento cara o futuro, e aí é onde radica a importancia de recuperarmos a memoria das dificultades pasadas polos nosos devanceiros, pero tamén o triunfo do seu esforzo e a súa convicción no progreso e a educación como baluartes da xustiza social”.

Durante a primeira semana a exposición permanecerá no auditorio pero despois trasladarse á Casa da Cultura, donde terá carácter permanente.

0.16928791999817