Abre o luns un novo prazo para solicitar as axudas da luz en Muras
Un ano máis, o Concello de Muras abre o día 1 o prazo para que os veciños soliciten as axudas para o consumo eléctrico, postas en marcha como explicou o alcalde, Manuel Requeijo, co obxectivo de “garantir a calidade de vida e de benestar de todos os veciños do concello de Muras, especialmente a suficiencia económica da terceira idade, xa que constitúe o sector maioritario da nosa poboación”.
Así, en virtude destas axudas, o Concello manterá aberto durante todo o mes de febreiro o prazo para solicitar as subvencións municipais sobre consumo eléctrico. Todos os interesados en solicitar esta axuda terán que presentar as facturas correspondentes a todo o ano pasado nas oficinas municipais, no Rexistro Xeral. Unha vez revisados e cotexados todos os casos, o abono faise nun único pago.
O importe individual das achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria non superará os 600 euros por unidade familiar e concédese en función da renda per cápita anual de cada unha. Este ano aplicarase a suba aprobada en Pleno de cen euros na máxima retribución.
Poden optar a estas axudas cada un dos representantes das unidades familiares que consten no censo de empadroamento do Concello. Para este procedemento tense en conta o padrón de habitantes e vivendas que conste no Rexistro do Concello o día da súa aprobación no Pleno da corporación municipal.
Concédese unha soa axuda a cada representante da unidade familiar que o solicite e unha soa por vivenda habitual e por contador da luz destinado a esta función. No caso de edificios de vivendas, pódese conceder a axuda a cada unidade que forme parte del e que así conste no padrón. Non poderán optar aqueles que teñan débedas coa Administración local, agás que sexan abonadas antes do remate do prazo para presentar as solicitudes.
Como explica o alcalde de Muras, a orixe destas axudas está en “compensar a xeración de riqueza dos nosos recursos naturais explotados por empresas con sedes fiscais fóra do noso territorio, e tamén compensar o impacto medioambiental de forma directa nos veciños e veciñas”.
Fomentar o asentamento de veciños no municipio, evitando o éxodo rural á costa e ás cidades e erradicar do municipio a pobreza enerxética completan os obxectivos desta medida social, que foi moi ben acollida pola veciñanza.
Os interados en solicitar estas axudas poden facelo ata o día 28 de febreiro.