Abre o posto de Estruga na praza con seis produtores

TerraChaXa
Coa posta en funcionamento dun posto da praza de abastos no mercado municipal de Vilalba os días de mercado (martes e venres) o colectivo Estruga acada un punto de venta directa para as produtoras da comarca e arredores, que sexa referente de produtos alimentarios de calidade e co mínimo impacto ambiental na contorna.
21 Xan 2023

Coa posta en funcionamento dun posto da praza de abastos no mercado municipal de Vilalba os días de mercado (martes e venres) o colectivo Estruga acada un punto de venta directa para as produtoras da comarca e arredores, que sexa referente de produtos alimentarios de calidade e co mínimo impacto ambiental na contorna.

Esta iniciativa da asociación A Estruga Espazo Agroecolóxico levouse a cabo trala firma de un convenio co Concello de Vilalba, que lles cede o uso dun posto para os asociados.

Este venres 20 estreáronse coa venda dos artículos de seis produtores de Vilalba e de Xermade, membros activos deste colectivo que ten como obxectivo impulsar a agroecoloxía como xeito de produción de alimentos e de vida na natureza. Entre os primeiros produtos á venda estaban a mel, o queixo San Simón e moitos outros produtos agrarios, xa que os produtores proceden de Cabreiros, Goiriz, Noche, Lanzós e San Simón da Costa.

Abriu onte na praza este novo lugar cunha degustación de produtos que estarán dispoñibles para a venda todos os días mentres que os socios irán turnándose para atender o mercado.

O obxectivo final do colectivo é dispoñer dun punto de intercambio dos produtos para facilitar a distribución conxunta a establecementos doutras vilas da contorna.  "Que sexa un lugar de encontro non só para as produtoras, senón tamén para as personas coa teima de restablecer o contacto social en torno aos mercados locais ou lograr o respaldo da comunidade para vertebrar a economía comarcal en torno á produción primaria, dando lugar a subprodutos e outros servizos", explica Marcos Besada, presidente a asociación.

Tamén buscan acadar un convenio coa administración local para o suministro de alimentos nos espazos colectivos que estean baixo a súa xestión, así como a elaboración de accións paralelas "que enriquezan a comarca en eidos como a educación, cultura e turismo sostible".

Outro dos obxectivos é dinamizar o espazo ofrecendo actividades gastronómicas e lúdicas como degustacións de produtos de tempada, obradoiros para nenos e adultos e actuacións musicais ou representacións culturais que visibilicen e fagan mais atractivo este espazo do mercado.

VISITA DO GOBERNO MUNICIPAL

O goberno local de Vilalba visitou o mercado de vila para poñer en valor os produtos locais e animar á veciñanza a mercar nos seus postos.

En concreto, a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, achegouse ata o mercado, que se celebra cada martes e venres, xunto a algúns dos concelleiros e concelleiras do goberno local.

A rexedora vilalbesa quixo agradecer aos “novos produtores e comerciantes todo o esforzo que están a facer por revitalizar este espazo con produtos como o queixo, o mel, as patacas, os doces, a froita ou o peixe”.

“Queremos animar á xente a vir ata este mercado e a consumir. Está nas nosas mans apoiar aos produtores e ás produtoras que apostan por métodos sostibles de consumo, polo noso campo, é que traballan incansablemente cada día por ofrecernos produtos de proximidade e de tanta calidade”, engadiu Elba Veleiro.

0.069694042205811