Abre o prazo de inscrición para a escola de teatro de Vilalba
A actividade da Escola Municipal de Teatro de Vilalba para este curso comezará o vindeiro 21 de outubro e rematará o 30 de xuño de 2022. O Concello de Vilalba dá continuidade á escola, un espazo que contribúe a desenvolver a creatividade e as habilidades de expresión das persoas.
Os participantes estarán divididos en tres grupos en función da súa idade e todos os grupos realizarán a actividade no Auditorio Municipal. Dunha banda, o grupo infantil (nados/as entre o 2015 e o 2011) asistirá de 18:00 a 19:00 os xoves. Doutra banda, o grupo xuvenil (nados/as entre 2010 e 2005) terá a súa clase os xoves de 19:15 a 20:45. Por último, o grupo de adultos diríxese a maiores de 16 anos que asistirán a clase o xoves de 21:00 a 22:30.
O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 20 de outubro. A inscrición realizarase a través da sede electrónica do Concello de Vilalba (https://vilalba.sedelectronica.es/board) e só en casos excepcionais aceptaranse inscricións a través do Rexistro do Concello.
Establécense 25 prazas en cada grupo, procedendo ao sorteo aleatorio en caso de que as solicitudes superen a oferta de prazas. As persoas que non obteñan praza pasarán á lista de espera. Darase sempre preferencia ás persoas empadroadas en Vilalba.
Está previsto que a actividade se inicie o xoves 21 de outubro coa presentación dos grupos. Durante o desenvolvemento das sesións, seguiranse os protocolos covid-19 establecidos polas autoridades sanitarias en cada momento.