Abre o prazo de inscrición para os cursos de natación de Vilalba
A piscina municipal de Vilalba vén de abrir o periodo de inscripción para os cursos de natación do terceiro trimestre, que se levarán a cabo nos meses de abril, maio e xuño. En concreto, o prazo prolongarase ata o 20 de marzo.
Os interesados en tomar clases de natación poderán anotarse nos niveis de familiarización -para os pequenos que van por primeira vez á piscina-, iniciación -para nenos e adultos que queiran ter xa un primeiro contacto con este deporte- e nivel medio -para os mozos e persoas adultas con máis nivel de natación-.
As prazas son limitadas, polo que os que desexen apuntarse deberán facelo presencialmente na recepción da piscina municipal. Unha vez feita a inscripción, terán que formalizar a súa matrícula entre o 21 e o 25 de marzo.
As clases impartiranse en horario de tarde no caso dos nenos e haberá tandas pola mañá e pola tarde para os adultos. A actividade estará dirixida por monitores especialistas e cada sesión terá unha duración de 45 minutos. O prezo da actividade será de 75 euros/trimestre para as persoas maiores que fagan natación dous días á semana; de 60 euros para os pequenos que acudan ás clases dous días á semana e de 30 para os que só asistan a unha sesión.