Abre o prazo de inscrición para unha nova edición da San Silvestre vilalbesa

O Concello de Vilalba vén de abrir o prazo de inscrición para participar na X San Silvestre Vilalbesa que se celebrará o vindeiro domingo 28 de decembro, a partir das 16:30 horas, coa saída e chegada localizada na Praza da Constitución.
Os interesados e interesadas en participar na xa consolidada proba de Nadal poderán inscribirse ata o luns, 22 de decembro, a través da páxina web www.championchipnorte.com. “Animamos a todos os vilalbeses e vilalbesas, así como aos veciños e veciñas dos concellos da contorna, a que participen nesta cita na que o obxectivo non será só acadar a meta senón xuntarnos para gozar do Nadal na nosa vila”, salientou a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco.
Pola súa banda, a directora da área de deportes, Paula Vigo, explicou que “a inscrición é totalmente gratuíta e haberá seis categorías diferentes en función da idade e a distancia a recorrer, ademais de agasallos e medalla para todos os participantes que rematen a proba”.
Nesa liña, as categorías participativas serán: mini, unha distancia de 150 metros; pitufos e pitufas, cunha distancia de 300 metros; sub 10, cunha distancia de 900 metros; sub 13, cunha distancia de 1.800 metros; e andaina, sen límite de idade, cunha distancia de 2.200 metros.
Pola súa banda, a categoría absoluta, de carácter competitivo con cronometraxe, chip e listados de resultados, terá unha lonxitude de 5.120 metros.
En canto aos horarios, as carreiras de menores, de carácter participativo, arrancarán en tramos de 10 minutos dende as 16:30 horas. Mentres que a carreira absoluta e a andaina darán comezo ás 17:40 e 17.30, respectivamente.