Abre o prazo de solicitude da axuda que favorece a conciliación dos autónomos en Galicia
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a axuda específica dirixida a autónomos para financiar durante 16 semanas a contratación do traballador que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade. Deste xeito, o Goberno galego amplía outras 16 semanas máis a bonificación do Estado, o que permitirá aos pais e nais autónomos manter durante un total de 32 semanas este apoio que cubre o 100% da cota empresarial da Seguridade Social, incluíndo os conceptos por accidentes de traballo e enfermidades profesionais.
O prazo de solicitude desta iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pioneira na Comunidade Autónoma, será dun mes, ata o 27 de novembro, para as contratacións realizadas antes da publicación da orde de axudas no DOG. Para as que se desenvolvan posteriormente, o prazo será dun mes desde a fecha da contratación, co límite do 30 de novembro.
O Goberno galego, a través da Estratexia Autónomo 2020, investirá este ano 800.000 euros nesta actuación que nace con carácter permanente, é dicir, que se prevé prorrogar nos vindeiros anos. Para ter dereito á axuda, previamente a persoa traballadora autónoma tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade e ter contratado a unha persoa desempregada co contrato de interinidade por maternidade ou paternidade. Financiaranse os contratos que se teñan renovado ou se renoven, unha vez rematada a baixa por maternidade ou paternidade, entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro deste ano. É unha axuda flexible, xa que a renovación do contrato se poderá facer, como máximo, nos 15 días posteriores aos que finalice a baixa. Estímase unha axuda media de 2.000 euros por contrato.
A Xunta, deste xeito, segue executando a Estratexia Autónomo 2020 co obxectivo de poñer ao alcance dos traballadores por conta propia as maiores facilidades para que poidan seguir emprendendo e crecendo. A planificación inclúe 20 medidas que a día de hoxe están executadas practicamente ao 100%.
Esta iniciativa para favorecer a conciliación súmase a outras actuacións pioneiras desenvolvidas este ano como son a ampliación da tarifa plana, o Bono Autónomo e a Oficina do Autónomo.