Abre o prazo de solicitude para o novo Punto de Atención á Infancia de Vilalba

O Concello de Vilalba informa de que, entre o 22 e o 31 de outubro, permanecerá aberto o prazo de solicitude de praza no novo Punto de Atención á Infancia (PAI) do municipio. Este novo servizo está pensado para facilitar a conciliación familiar e laboral, ao tempo que ofrece unha atención de calidade ás crianzas máis pequenas.
As solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica do Concello de Vilalba ou de maneira presencial no departamento de Servizos Sociais.
No caso dos nenos e nenas empadroados en Vilalba e que figuren na lista de agarda da Escola Infantil Galiña Azul ou da Escola Infantil Municipal, deberán achegar a fotocopia do DNI do pai, nai ou representante legal, a fotocopia do libro de familia e a declaración da renda do exercicio 2023 ou unha autorización para a consulta de datos na Axencia Tributaria.
Por outra banda, para as familias con nenos ou nenas que non figuren na lista de agarda, será necesario presentar tamén a xustificación da situación laboral dos proxenitores e, se procede, documentación que acredite circunstancias valorables no baremo de adxudicación de prazas das escolas infantís da Xunta de Galicia.
As persoas interesadas poden solicitar máis información no departamento de Servizos Sociais do Concello de Vilalba ou chamando ao teléfono 982 523 032.
Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso coa conciliación, o coidado e a prestación de servizos públicos de calidade, apostando por unha Vilalba que medra pensando nas familias.