Abre o prazo en Guitiriz para anotarse ao programa de conciliación do verán
A data límite para anotarse é o 18 de xuño e poderán facelo nenos e nenas de educación infantil e primaria.
O Concello de Guitiriz abre o prazo para anotarse ao programa de conciliación familiar para as vacacións de verán, que ten o obxectivo de axudar a conxugar a vida laboral e familiar facendo especial fincapé naquelas familias que estean nunha situación de maior vulnerabilidade.
Esta actividade, que terá como punto de encontro o CEIP Lagostelle principalmente, está dirixida a nenos e nenas nados entre os anos 2012 e 2020, é dicir, toda a educación infantil e primaria. Desenvolverase en catro quendas: a primeira do 1 ao 15 de xullo, a segunda do 16 ao 31 de xullo, a terceira do 1 ao 15 de agosto e a cuarta do 16 ao 31 de agosto.
A temática escollida para este ano foi ‘O poder da polinización’. Así, as persoas usuarias do servizo traballarán, a través do mundo das abellas, na aplicación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). Terán como mascota unha abella e, con ela, irán traballando nas diferentes quendas as fases do seu crecemento, buscando similitudes co das persoas e cos ODS.
Establecéronse dous horarios diferentes, o ordinario será de 10 a 14 horas e un extraordinario, que será a partir das 8:30 horas para todas aquelas familias que precisen unha xornada máis ampla.
O prazo para anotarse remata o 18 de xuño e poderá formalizarse a inscrición de xeito telemático, a través da sede electrónica, ou presencial na casa do concello. Darase prioridade a aquelas familias nas que os proxenitores estean a traballar e tamén ás familias empadroadas en Guitiriz, ou en situación de especial vulnerabilidade.
O prezo xeral por cada quenda é de 30 euros e o incremento para acudir en horario extraordinario será de 15 euros por quenda, podendo anotarse a todas as que se precisen. Ademais, haberá bonificacións por razóns sociais ou benéficas para familias con ingresos inferiores ao 50% do IPREM ou cando se careza de ingresos.