Abre o prazo en Guitiriz para anotarse ao servizo de conciliación para o novo curso

TerraChaXa
O CEIP Lagostelle acollerá as opcións de Madrugador e Tardes e o CEIP Santo Estevo de Parga volverá a ofrecer a opción Parga Madruga
guitiriz-concilia
30 Jun 2025

O Concello de Guitiriz abrirá o próximo martes, 1 de xullo, o prazo de matrícula para participar durante o curso escolar 2025-2026 en Guitiriz Concilia, o servizo de conciliación municipal da vida laboral e familiar dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade.

Esta actividade levarase a cabo en dous horarios diferentes, coas opcións de Guitiriz Madrugador e Parga Madrugador a partir das 8:00 horas, que se organizarán no CEIP Lagostelle e no CEIP Santo Estevo de Parga respectivamente, e a opción de Concilia Tardes, que será organizada no CEIP Lagostelle ata as 19:00 horas.

No primeiro caso búscase atender aos rapaces e rapazas antes da entrada na escola, mentres que no segundo cubrir o horario posterior ao colexio. A data de inicio será o luns 8 de setembro, estendéndose ata o 19 de xuño.
Todas as familias interesadas no curso terán que presentar a solicitude cumprimentada e asinada, ademais do xustificante de pago das taxas, que varían en función da modalidade escollida e que se poden consultar na páxina web municipal.

A rapazada poderá participar nas propostas de actividades que se levan a cabo, xogar nos diferentes recunchos que se ofrecen ou realizar as súas tarefas escolares e estudar, se así o desexan. Favoreceranse actividades e propostas relacionadas co xogo grupal e non competitivo, relacionadas coa igualdade e o respecto pola contorna e pola natureza.

O prazo para presentar as solicitudes finaliza o 31 de xullo. As familias interesadas poden presentar a documentación requirida a través da sede electrónica municipal ou de xeito presencial no Concello. Tamén poderán obter máis información no teléfono municipal 982 370 109.

⚙ Configurar cookies
0.16280698776245