Abre o prazo en setembro para as escolas deportivas e os cursos de natación de Vilalba
O das escolas deportivas estará aberto dende o 4 ata o 13 de setembro, e o dos cursos de natación na piscina, do 5 ao 20 de setembro.
A alcaldesa de Vilalba e responsable da área de deportes, Elba Veleiro, anuncia que o Concello abrirá proximamente o prazo para inscribirse nas escolas deportivas e nos cursos de natación da piscina municipal durante o vindeiro curso.
Ambos prazos comezarán a principios de setembro. O das escolas deportivas será do luns 4 de setembro ata o mércores 13, e poderá realizarse no rexistro, na sede electrónica do Concello ou neste enderezo.
Ditas escolas incluirán disciplinas como ioga, baloncesto, fútbol, judo, loita olímpica, tenis, triatlón, pilates, ximnasia rítmica, tenis de mesa, fútbol sala, patinaxe, baile ou rugby. Poden consultarse as bases das mesmas no taboleiro da sede electrónica.
Por outra banda, o prazo de inscrición para os cursos de natación na piscina será do martes 5 ata o mércores 20, presencialmente na recepción da propia piscina. Haberá cursos de familiarización, iniciación, nivel medio e perfeccionamento.
Elba Veleiro animou á veciñanza a participar nas escolas deportivas e nos cursos de natación, “que contan con opcións para todas as idades e para todos os niveis, achegando así o deporte a todos os vilalbeses e vilalbesas”.