Abre o prazo en Vilalba para solicitar as subvencións para asociacións do 2023
A alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, informa de que xa está aberto o prazo para a solicitude das subvencións nominativas do ano 2023, destinadas ás entidades e asociacións que traballan a prol da dinamización do pobo en diferentes eidos.
“O goberno local pon en valor o traballo diario destas entidades, que repercute directamente na mellora dos servizos e oportunidades dos vilalbeses e vilalbesas a través do tecido asociativo”, asegura Veleiro.
Por iso, co obxectivo de potenciar e axudar nas actividades destes grupos sociais, veciñais, empresariais, educativos, culturais ou deportivos, o concello aprobou unha achega total de 439.100 euros.
No BOP do 12 de maio de 2023 publicouse a aprobación definitiva da relación de subvencións. Tamén no BOP, neste caso do 3 de xuño de 2023, publicouse a Ordenanza adxunta nº 67 reguladora de subvencións do Concello de Vilalba.
Según o artigo 27.2. da citada Ordenanza, os interesados deben presentar a solicitude de xeito exclusivamente electrónico a través do trámite específico habilitado para elo na sede electrónica: https://vilalba.sedelectronica.es/info.0 (Subvencións Nominativas 2023).
Xunto coa solicitude, obrigatoriamente deberanse aportar os certificados de atoparse ao corrente coas obrigas da AEAT, Seguridade Social e Atriga.
Con posterioridade á solicitude asinarase un convenio entre ambas partes. Dita firma será exclusivamente electrónica, sendo fundamental ter en vixente o certificado dixital de representante da entidade. Para rematar o procedemento, a xustificación deberá presentarse antes do 10 de decembro do 2023.