Abre o prazo para presentar ofertas para a rehabilitación do Fogar de Santa María

TerraChaXa | LugoXa
O Boletín Oficial da Provincia publica o proxecto de rehabilitación do Fogar de Santa María, co que o Goberno da Deputación busca, por unha banda, dotar de uso público ao patrimonio público provincial, así como ampliar os servizos que ofrece aos veciños, como o de recadación.
23 Ago 2017

O Boletín Oficial da Provincia publica o proxecto de rehabilitación do Fogar de Santa María, co que o Goberno da Deputación busca, por unha banda, dotar de uso público ao patrimonio público provincial, así como ampliar os servizos que ofrece aos veciños, como o de recadación.

Deste xeito, todas as empresas interesadas en concorrer a este proxecto poderán presentar as súas ofertas dende este xoves, 24 de agosto, e ata o vindeiro 5 de setembro, incluído.

O proxecto aprobado polo Goberno Provincial en Xunta de Goberno, contempla un orzamento máximo de 1,8 millóns de euros, que se corresponden as anualidades 2017 (335.000 euros) e a do 2018 (1.5 millóns); e un prazo de 10 meses. Cómpre subliñar que tanto o prezo como o prazo dependerá das ofertas que presenten as empresas que decidan participar neste proceso de contratación. A previsión é que as instalacións poidan estar en funcionamento no último trimestre do ano 2018.

Proxecto de rehabilitación

O proxecto publicado no BOP deste mércores, implica a rehabilitación integral de 2 dos 9 pavillóns que conforman o Fogar de Santa María. Trátanse do edificio principal e do pavillón 2 cuxo uso por parte do Concello de Lugo está cedido á Deputación por 99 anos.

Para a súa rehabilitación, os técnicos de ambas as dúas administracións acordaron un proxecto axustado ao PEPRI, polo que non require de máis permisos que a licenza municipal que xa se está a tramitar.

Na planta baixa do edificio principal do Fogar de Santa María situarase Recadación, un dos servizos provinciais con maior carga de traballo, pois a día e hoxe asume a de 62 Concellos. Na primeira planta, situarase o departamento de Cooperación cos Concellos e, no baixo cuberta, haberá un arquivo propio destas dependencias.

No pavillón 2 instalarase o departamento de Asesoría Xurídica e tamén contará cun arquivo propio na zona alta. As obras en todas as dependencias implican a mellora das fachadas e a rehabilitación integral dos interiores, adaptándoas ás necesidades dos distintos departamentos e facéndoas accesibles a persoas con capacidades diferentes. Por exemplo, situaranse ascensores ou ramplas. Tamén se mellorarán os sistemas de calefacción e climatización para que o edificio sexa máis eficiente e aforrar custos correntes.

0.18590688705444