Abre o prazo para inscribirse nunha nova edición da Feira de Artesanía vilalbesa

O Concello de Vilalba abre desde hoxe o prazo de inscrición para participar na nova edición da feira de artesanía, que terá lugar o domingo 3 de maio na Praza de Santa María, en horario de 10:00 a 15:00 e de 17:00 a 20:00 horas.
A alcaldesa, Marta Rouco, e a concelleira de Feiras e Mercados, Paula Vigo, deron a coñecer esta nova convocatoria, coa que o goberno local continúa impulsando iniciativas para dinamizar a actividade na Praza de Santa María os domingos de feira.
“Esta feira é unha oportunidade para dar visibilidade ao traballo dos artesáns e artesás, pero tamén para seguir enchendo de vida a Praza de Santa María e consolidar os domingos de feira como un espazo de encontro para a veciñanza”, destacou a alcaldesa.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 26 de abril e poderán participar todas aquelas persoas artesás interesadas. Para formalizar a solicitude, deberán cubrir a folla de inscrición dispoñible na web municipal (vilalba.gal/novas) e enviala ao correo electrónico feiras@vilalba.es xunto coa documentación requirida.
Para resolver dúbidas, o Concello pon á disposición das persoas interesadas o teléfono 982 51 03 05.
Rouco lembrou a boa acollida da edición celebrada o pasado ano, “que foi un éxito tanto de participación como de asistencia, e que nos anima a seguir apostando por este tipo de propostas que combinan dinamización económica e social”.
A feira de artesanía enmárcase na liña de traballo impulsada pola Alcaldía para reforzar a actividade na Praza de Santa María e converter os domingos de feira nun atractivo máis para veciños, veciñas e visitantes.