Abre o prazo para participar na Cabalgata de Reis das Pontes

TerraChaXa
O Concello das Pontes abre hoxe o prazo de inscrición para participar na Cabalgata de Reis que se celebrará o día 5 de xaneiro de 2024.
cabalgata reis as pontes
14 Dec 2023

O Concello das Pontes abre hoxe o prazo de inscrición para participar na Cabalgata de Reis que se celebrará o día 5 de xaneiro de 2024.

Poderán inscribirse os nenos e nenas que estean matriculados nalgún curso de Educación Primaria dos centros escolares das Pontes, de 1º a 6º (ambos incluídos) e existen dúas modalidades de participación; paxes que irán nas carrozas e paxes que conformarán o séquito a pé. As prazas ofertadas para as seis carrozas que conformarán a cabalgata de Reis son 42 mentres que o número de prazas ofertadas para formar parte do séquito a pé é 70.

As persoas interesadas en participar deberán inscribirse a través da sede electrónica do Concello ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello nos seguintes prazos; a través da sede electrónica: dende o xoves 14 ata o 19 de decembro e no Rexistro xeral os días 14, 15 e 19 de decembro, en horario de 9.30 a 13.30 h (previa cita nos números de teléfonos 667129380/667129389)

Cada persoa poderá inscribir unicamente aos nenos/as que pertencen a súa unidade familiar e deberán achegar o impreso de solicitude xeral, no que se incluirán os seguintes datos: nome, apelidos e data de nacemento (idade) da persoa participante; curso e centro escolar no que está matriculada/o, nome e apelidos da nai, pai ou representante legal da/o menor, no seu caso, e autorización da participación da/o menor na Cabalgata así como teléfonos de contacto e correo electrónico, e a aceptación das normas da cabalgata asinadas.

A asignación das prazas farase entre as 112 primeiras solicitudes recibidas por rigoroso orde de inscrición, e as prazas nas carrozas asignaranse en función da idade. Primeiro terán preferencia as nenas e nenos de menor idade.

Unha vez finalizada a adxudicación, comunicaráselles ás persoas interesadas (mediante un correo electrónico ou por teléfono), a data de recollida do vestiario, a súa situación na cabalgata, así como a información necesaria para participar nela.

0.18943405151367