Abre o prazo para participar na Cabalgata de Reis de As Pontes

TerraChaXa
Este ano establécense dúas modalidades de participación: paxes que viaxarán nas carrozas e paxes que formarán o séquito real a pé
cabalgata-reis-as-pontes
2 Dec 2025

O Concello das Pontes, a través da Concellaría de Cultura, abre o prazo de inscrición para que nenos e nenas do municipio poidan participar como paxes na Cabalgata de Reis 2026, que terá lugar o vindeiro 5 de xaneiro. Este ano establécense dúas modalidades de participación: paxes que viaxarán nas carrozas e paxes que formarán o séquito real a pé. Poderán inscribirse todos os nenos e nenas matriculados en ensino primario, entre 1º e 6º curso dos centros educativos das Pontes.

Para as carrozas ofértanse 43 prazas, que se asignarán preferentemente aos menores de menor idade. O séquito a pé conta con 70 prazas e acompañará ás tres carrozas das súas maxestades. En total, ofértanse 112 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición. A adxudicación das carrozas dependerá da idade, e todas as solicitudes que non obteñan praza nesta modalidade pasarán automaticamente ao séquito a pé. Esta asignación será provisional, podendo variar no caso de producirse baixas.

O prazo de inscrición realizarase a través da sede electrónica do Concello, ata o 10 de decembro, e no Rexistro Xeral ata o 5 de decembro, en horario de 9:30 a 13:30 horas (cita previa nos teléfonos 667129380/667129389)

Cada persoa solicitante só poderá inscribir aos menores pertencentes á súa unidade familiar. A solicitude deberá incluír os datos persoais do menor, a súa data de nacemento, o centro e curso escolar, así como os datos de contacto e a autorización do pai, nai ou titor legal.

Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, o Concello comunicará ás familias a situación de cada participante, indicando se formará parte dunha carroza ou do séquito a pé, así como o horario e o lugar de presentación o día 5 de xaneiro. Esta información tamén será publicada na páxina web municipal. En caso de que algunha praza das carrozas quede vacante, cubrirase seguindo a orde de inscrición entre os integrantes do séquito a pé.

O día da Cabalgata, os paxes deberán presentarse ás 17:30 horas na Rúa Monte Caxado acompañados dun adulto responsable e vestir o traxe facilitado polo Concello, complementado con roupa térmica e calzado negro. O Concello das Pontes poderá modificar o percorrido ou a organización da Cabalgata se as condicións meteorolóxicas o requiren, priorizando sempre a seguridade dos menores participantes.

Para máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Concellaría de Cultura, situada na Casa Dopeso, chamar ao teléfono 981 440 344 ou escribir ao correo cultura@aspontes.org.

⚙ Configurar cookies
0.07942008972168