Abre o prazo para participar no proxecto mestres gandeiros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Desde o ano 2022 participaron no mesmo máis de 2.200 escolares de toda Galicia
ceip-terra-cha-mestre-gandeiros-conselleira
O CEIP Terra Chá é un dos centros participantes
25 Ago 2024

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), volverá apostar o próximo curso polo proxecto Mestres Gandeiros, unha iniciativa educativa que desde a súa posta en marcha no ano 2022 xa conseguiu concienciar e sensibilizar a máis de 2.200 escolares galegos sobre as boas prácticas agrarias e medioambientais do medio rural que contribúen ao coidado da paisaxe e da biodiversidade.

O prazo para poder inscribirse na terceira edición desta acción formativa, enmarcada no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, seguirá aberto ata o 27 de setembro polo que todos os centros interesados en participar aínda están a tempo de facelo a través do portal educativo da Xunta.

O director do IET, Enrique de Salvador, a xefa do servizo de Estudos do organismo, Encarna Nieto, e o xerente da cooperativa Carqueixa que participa no programa, Román Sánchez, mantiveron recentemente unha reunión de traballo co fin de avanzar nos detalles e posibles melloras a introducir no programa de cara ao vindeiro curso.

Cómpre lembrar que esta iniciativa xurdiu como resultado do proxecto Interreg Europe Biogov, desenvolvido no período 2018-2021 e no que Galicia foi pioneira a nivel nacional ao ser, a través do IET, un dos nove socios europeos que participaron na súa execución.

O obxectivo final de Mestres Gandeiros é transmitir aos escolares e, por extensión, ao persoal docente dos centros participantes a cultura do coidado da paisaxe e da natureza, mostrándolles o xeito en que os agricultores e gandeiros se converten en importantes activos na protección do medio ambiente grazas ás súas boas prácticas diarias.

Con este fío condutor, os participantes poderán seguir a pista das boas prácticas medioambientais que se transmitiron de xeración en xeración, como a silvicultura histórica, a agricultura tradicional e a gandería heroica, da man de profesionais que as seguen mantendo vivas co seu labor.

A tal fin, empregaranse cos nenos e mozos participantes técnicas de xogo, os Sistemas de Información Xeográfica, o coñecemento da poboación local que colabora gratuitamente co programa e o contacto co territorio.

Desde a súa posta en marcha no curso 2022-2023, Mestres Gandeiros contou xa coa participación activa de 36 centros escolares de toda Galicia, 2.233 alumnos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e FP e 284 docentes.

0.15276885032654