Abre o prazo para pedir as axudas ao sector hostaleiro nas Pontes
O Concello das Pontes abre hoxe o prazo para solicitar ás axudas da terceira convocatoria do plan municipal de reactivación económica e laboral (Aprel III 2021) destinado a paliar o impacto económico, social e laboral derivado da crise sanitaria provocada pola covid-19 no sector hostaleiro da localidade.
Ana Pena, concelleira responsable de Industria e Emprego, sinala que “a hostalería é un dos sectores máis castigado pola pandemia, situación agravada no noso concello polos peches perimetrais do último trimestre que provocaron que os establecementos hostaleiros se viran privados de ingresos para facer fronte aos custos de mantemento da súa actividade e do persoal. Estas axudas directas están deseñadas para contribuír a paliar, na medida do posible, as afeccións económicas que con motivo da pandemia da covid-19 soporta o sector da hostalaría no municipio.
“Estamos ante unha situación de extraordinaria complexidade que require de todo o noso esforzo e dunha rápida resposta por parte das administracións. O sector precisa da nosa implicación, máis que nunca, para facer fronte á incerteza que ameaza ó mantemento do emprego. Desde o ámbito público debemos poñer en marcha medidas, de forma áxil, que poidan axudar a paliar as dificultades que está atravesando o tecido hostaleiro, e as inevitables consecuencias que isto supón para as familias pontesas vencelladas ao sector” apunta pola súa banda, Elena López, concelleira responsable da area de Hostalería..
O Plan Municipal Aprel, nesta terceira convocatoria, contempla unha cota de ata 600 euros para persoas físicas ou xurídicas, con ou sen traballadores ao seu cargo, con actividade no sector da hostalería, que se visen afectados polas restricións do Decreto 202/2020 do 3 de decembro e pola Orde do 3 de decembro de 2020, pola que quedou restrinxida a entrada e a saída de persoas do ámbito territorial do Concello de As Pontes, e polas limitacións da súa actividade, quedando o interior dos establecementos pechados ao publico e só estando permitida a apertura das terrazas cun aforo máximo do 30% e cun horario limitado ata as 17:00 horas.
Entre os gastos subvencionables atópanse a cota da seguridade social, arrendamentos e canons, reparacións e conservacións, servizos profesionais independentes, gastos de subministración (auga, luz, gas ou teléfono) o mantemento das comunicacións (teléfono, internet, correos) así como as cotas de préstamos ou amortizacións.
As solicitudes, acompañadas da documentación complementaria, deberán dirixirse ao IPPEC e presentarse por vía telemática a través da Sede Electrónica do Concello, nun prazo de 20 días hábiles a partir do día 24 de febreiro.
As persoas interesadas poden atopar máis información na páxina web do Concello o no BOP número 32 do 18 de febreiro.