Abre o prazo para presentarse aos premios Son Muller da Asociación de Empresarias da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A entrega dos premios terá lugar no Círculo das Artes de Lugo o próximo 13 de decembro ás 20:30 horas
premios-son-muller-empresarias-lugo
5 Nov 2024

O CEI-Nodus de Lugo acolleu a presentación da VII edición dos Premios Son Muller, unha iniciativa que busca recoñecer e apoiar o emprendemento feminino e os proxectos empresariais impulsados por mulleres na provincia. O acto contou coa participación de Marisol Morandeira Morandeira, deputada de Muller e Igualdade da Deputación de Lugo; Carmen José López Rodríguez, directora Territorial de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia; Isabel Villamor Cabado, xefa de Servizo de Desenvolvemento Local en representación do Concello de Lugo; Zaira Dapena Castro, directora Territorial de Abanca en Lugo; e Anjhara Gómez, presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo.

O prazo de inscrición para optar aos premios estará aberto dende onte, 4 de novembro, ata o 28 de novembro ás 23:59 horas. As interesadas poderán consultar as bases e inscribirse a través da páxina web oficial da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo.

Os Premios Son Muller contan con tres categorías. O primeiro, Son Empresaria Rural está dirixido a proxectos orixinais e innovadores de mulleres en áreas rurais, baseados en actividades agrarias e complementarias. O segundo é Son Empresaria, orientado a proxectos empresariais con máis de 42 meses de antigüidade. Son Emprendedora recoñece os proxectos empresariais en funcionamento por un período máximo de 42 meses.

A entrega dos premios terá lugar no Círculo das Artes de Lugo o próximo 13 de decembro ás 20:30 horas, nun evento que espera ser un punto de encontro para as mulleres emprendedoras e empresarias da provincia.

As persoas interesadas en participar poden descargar o formulario de inscrición e consultar as bases desta sétima edición nesta lizagón.

Marisol Morandeira destacou na súa intervención que estes premios “son xa un símbolo no recoñecemento das emprendedoras da nosa provincia. Un distintivo que celebra o esforzo, a creatividade e o talento de tantas mulleres da nosa terra, pero que tamén pon de manifesto a importancia de continuar avanzando en igualdade”. Nesta liña, a Deputada sinalou que “a día de hoxe, as mulleres continúan encontrando máis dificultades que os homes para o seu desenvolvemento profesional e, polo tanto, tamén para o seu éxito”.

A deputada aproveitou para felicitar á Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo pola labor que desenvolve ao longo de todo o ano, “un traballo constante de apoio, formación e asesoramento a todas aquelas mulleres da provincia de Lugo que apostan polo emprendemento”, subliñou.

Marisol Morandeira tamén avanzou que a institución provincial mantén unha estreita colaboración coa entidade lucense impulsando “diferentes iniciativas encamiñadas á capacitación, á formación e á creación de oportunidades para as mulleres emprendedoras porque somos plenamente conscientes de que ter un tecido asociativo forte é unha garantía para o futuro da provincia”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16999697685242