Abre o prazo para solicitar as axudas da PAC do pasado ano

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O DOG publicou a orde de Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos das axudas da PAC. Estará aberto ata abril.
vacas en extensivo
1 Feb 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural que regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao Sistema Integrado de Xestión e Control, as coñecidas como axudas da PAC. Os gandeiros e agricultores galegos poderán presentar a solicitude única dende o vindeiro mes de febreiro ata o 30 de abril, accedendo directamente cun certificado dixital á aplicación informática SGA ou acudindo ás distintas entidades colaboradoras.

O orzamento previsto para esta convocatoria elévase aos 205 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos da PAC e 35 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas).

Prevese que uns 26.000 agricultores e gandeiros soliciten estas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.

A Consellería do Medio Rural vén de pechar todos os detalles da campaña da PAC 2021 coas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) e coas máis de 50 entidades colaboradoras que se encargarán de tramitar as solicitudes de axuda en Galicia. Así, mantivéronse encontros telemáticos cos bancos e coas entidades de aconsellamento que prestarán apoio ás persoas interesadas nestas achegas, xunto coas asociacións agrarias ou as organizacións profesionais do sector.

Novidades da campaña da PAC 2021

Nesta campaña, cabe resaltar novidades como que os interesados poderán descargar diferentes aplicacións electrónicas para informarse sobre as axudas da PAC, consultar as súas solicitudes, facer alegacións e mesmo realizar fotografías xeorreferenciadas cando sexa necesario para completar algún dos procesos precisos para a concesión das achegas.

A maiores, continúa a implantación do sistema de control coñecido como monitorización que será obrigatorio na nova PAC e que consiste en utilizar as novas tecnoloxías e as imaxes de satélites para realizar un seguimento continuo de todas as superficies declaradas no 100% das solicitudes, co obxectivo de determinar se existe actividade agraria. Así, nesta campaña o Fogga estenderá a monitorización a 24 concellos máis de toda Galicia. En concreto, aos de Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo, na provincia de A Coruña; Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Outeiro de Rei, Portomarín, Rábade e Lugo, na provincia de Lugo; Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo, na provincia de Ourense; e a Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei, na provincia de Pontevedra.

O enlace á orde no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210129/AnuncioG0426-260121-2_gl.html


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17282199859619