Abre o prazo para solicitar as axudas das asociacións culturais da Vicepresidencia da Deputación

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O Boletín Oficial da Provincial publicou a convocatoria, que ten un orzamento total de 600.000 euros
Iria-Castro-Deputación-de-Lugo
12 Mar 2026

O Boletín Oficial da Provincia publicou onte -11 de marzo – a convocatoria de axudas de concorrencia para asociacións culturais da Vicepresidencia da Deptuación de Lugo, cun importe total de 600.000 euros.

A convocatoria inclúe dúas liñas de axuda: unha para a realización de actividades culturais, dotada con 350.000 euros, e outra para melloras nas instalacións e no equipamento de locais, cun importe de 250.000 euros.

A deputada Iria Castro explicou que “un ano máis reforzamos esta liña de axudas para atender o crecente dinamismo das asociacións culturais e veciñais, unha rede fundamental para facilitar o acceso á actividade cultural e crear espazos de socialización e convivencia arredor da cultura e do patrimonio, especialmente nas parroquias e concellos máis pequenos"

A responsable de Cultura lembrou que “nos dous últimos anos, se incrementou nun 60 por cento o importe desta convocatoria, da que se beneficiaron decenas de asociacións de todas as comarcas, a maioría pequenos colectivos que funcionan co impulso de persoas implicadas na vida comunitaria”

A principal novidade da convocatoria é o incremento da contía mínima dos 500 aos 800 euros, que actualiza a cantidade mínima atendendo ao incremento xeral dos custos tantos dos servizos como dos materiais que as asociacións poden financiar con estas subvencións.

O prazo de presentación de solicitudes abre hoxe -12 de marzo- e alongarase ata o 26 de marzo, incluído. As bases e modelos de solicitude estarán dispoñibles na web cultura.deputacionlugo.gal, no apartado Programas e subvencións, con indicacións precisas sobre o procedemento de solicitudes.

Axudas para actividades culturais

A través desta liña, a área de Cultura colabora na organización de actividades e eventos culturais por parte das asociacións, especialmente aquelas orientadas á difusión do patrimonio material e inmaterial de Galiza, a historia, a música e as tradicións. As axudas oscilan entre os 800 e os 3.000 euros.

Axudas para melloras nos locais

A área de Cultura financia, a través desta liña, actuacións de mellora, acondicionamento e reforma de locais e instalacións culturais que os colectivos cultivos culturais teñan en propiedade, cedidas ou alugadas. Tamén se subvenciona a compra de equipamento, facilitando así que as asociacións conten cos medios adecuados para as súas actividades culturais. As axudas oscilan entre os 800 e os 2.000 euros.

0.11719107627869