Quenda para solicitar os stands na Feira do Queixo San Simón de Vilalba
O Concello de Vilalba prepárase para vivir os días 1 e 2 de abril unha nova edición da súa Festa do Queixo da San Simón da Costa, que leva aparelladas numerosas actividades cunha gran relevancia e onde o prato estrela é este lácteo de fama internacional.
Así, a organización vén de publicar as bases e fichas de inscrición. Deste modo, publícanse os documentos de inscricións para stands de alimentación, casetas de artesanía así como para casetas de asociacións, institucións e entidades sen ánimo de lucro. Tamén se facilita o modelo de domiciliación bancaria para realizar os posibles pagos.
Deste modo, xa se poden inscribir todos aqueles que queiran ter presenza este ano na feira do queixo. A data límite é o 15 de marzo. Para as consultas hai que dirixirse ao teléfono do Concello (982 51 03 05) ou a través do correo electrónico: feiras@vilalba.es (Concellería de Feiras e Mercados).