Abre o prazo para solicitar praza na residencia de maiores de Meira
O alcalde de Meira, Antonio de Dios, emitiu un bando para anunciar que xa está aberto o prazo de solicitude de praza de ingreso para o novo Centro de Atención ás Persoas Maiores da localidade na súa modalidade residencia.
As persoas interesesadas en facer uso deste novo servizo deben acudir ao departamento de servizos sociais, á oficina da traballadora social, onde se lles facilitará toda a información sobre o procedemento para seguir, a tramitación necesaria e a documentación que deben presentar.
Debido á pandemia, para fixar esta reunión informativa no Concello é necesario solicitar unha cita previamente, chamando ao número de teléfono 982 331 704.
O novo Centro de Atención ás Persoas Maiores de Meira, impulsado pola Deputación de Lugo, dispoñerá dun total de 30 prazas de residencia, ás que se sumarán 20 do servizo de centro de día. O ente provincial está a ultimar a posta en marcha das instalacións, co obxectivo de que os primeiros usuarios poidan entrar a mediados de ano.