Abre un ciclo sobre finanzas na Aula CeMIT de Guitiriz

TerraChaXa
O obxectivo é dotar á cidadanía dos coñecementos e ferramentas básicas para manexar os seus cartos dun xeito responsable
dineiro-cartos-moedas-orzamento
22 May 2025

A Aula CeMIT do Concello de Guitiriz acollerá o próximo mes de xuño o ciclo formativo Finanzas para todos, impartido por profesionais do Banco de España. Trátase dunha formación de balde en materia de finanzas que ten por obxectivo dotar á cidadanía dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar os seus cartos dun xeito responsable.

O ciclo realizarase en seis sesións con temáticas diferentes, programadas para os días 5, 9, 17, 19, 26 e 27 de xuño. Cada unha delas terá unha duración de dúas horas en horario de 10:00 a 12:00 horas.

As inscricións pódense formalizar a través do correo electrónico cemit.guitiriz@xunta.gal e no teléfono 982 37 00 62, onde tamén se pode solicitar máis información.

O xoves 5 de xuño será a primeira sesión, na que se ensinará a diagnosticar e planificar as finanzas persoais en tempos de incerteza e explicarase que é e como afecta a inflación.

Para o luns 9 de xuño será a quenda dos consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas de pago, así como da información referente ao financiamento dunha compra ou a unha hipoteca.

Na terceira sesión, programada para o martes 17 de xuño explicaranse conceptos como a banca en liña, o comercio electrónico ou o Bizum, así como consellos para protexerse fronte á ciberdelincuencia.

A cuarta sesión, que será o día 19 de xuño, xirará en torno ao efectivo, con consellos para diferenciar os billetes e as moedas lexítimos dos falsos, así como información sobre os dereitos dos consumidores nas operacións en efectivo.

Na penúltima sesión, o 26 de xuño, explicaranse os pagos, os financiamentos e o portal do cliente bancario do Banco de España, así como os recursos e ferramentas que ofrece o Banco de España para a toma de decisións e consultas.

Xa por último, o día 27 de xuño, realizarase unha sesión sobre as finanzas persoais, a protección activa fronte ao fraude e consellos para a elaboración dun orzamento financeiro persoal.

⚙ Configurar cookies
0.1611270904541