Abre unha mostra en Vilalba de mulleres do municipio

TerraChaXa
O Concello de Vilalba inaugurou na praza da Constitución unha exposición que, con motivo do 8M, pretende visibilizar ás mulleres na historia.
mulleres senlleiras vilalba
8 Mar 2021

O Concello de Vilalba inaugurou esta tarde na praza da Constitución unha exposición que, con motivo do 8M, pretende "poñer en valor, visibilizar e facer un recoñecemento ás mulleres" na historia do municipio.

A mostra, organizada polo Concello de Vilalba e o Instituto de Estudios Chairegos (Iescha), estará aberta ata finais de mes e no acto de inauguración participaron a alcaldesa, Elba Veleiro, a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso, a responsable do CIM, Ana Berta Pardo, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.

"A exposición nace da necesidade de poñer en valor a figura das mulleres de Vilalba, nun acto de xustiza histórica co fin de reconstruírmos unha memoria colectiva, susceptible de ser revisada cunha ollada crítica, mais co deber de visibilizar o papel fundamental das mulleres para tecer redes na consecución dun presente e un futuro máis xusto e igualitario", asegurou a concelleira de Igualdade, Vanesa Siso.

A mostra susténtase sobre dous eixos fundamentais: a procura de referentes e o recoñecemento de mulleres que desenvolveron a súa vida en Vilalba facéndose cargo de oficios, coidados, e poñendo ás súas costas a vida e a terra, co fin de que “as mulleres do pasado non se esquezan, as do presente constrúan un sentir cómplice e esperanzador, e as nenas, mulleres do futuro, soñen con raíces e sen límites”.

Os paneis da mostra recollen a vida de mulleres como Concha da Reina, primeira comadroa titulada de Vilalba; Carmiña Prieto Rouco, escritora e dramaturga; Engracia Vérez, mestra e poeta; así como a de moitas outras mulleres máis anónimas pero fundamentais que traballaron de lavandeiras, costureiras, labregas, criadoras de capón, fiandeiras nas tascas ou vendedoras nas feiras. A exposición comeza cunha cita de Mari Luz Morales, “non sempre as grandes mulleres son as que desenvolven un gran papel na Arte e na Historia, senón aquelas outras ignoradas e humildes”.

"Só acadaremos unha transformación real cara á igualdade con accións que recoñezan o papel fundamental da muller na sociedade, sabendo quen somos, o porqué da nosa historia e cara a onde queremos camiñar", afirmou Siso, lembrando e agradecendo ao Instituto de Estudos Chairegos, nomeadamente á súa presidenta Marisa Barreiro, “a predisposición desde o primeiro momento de ceder todas as fotografías e a información que durante anos recolleron para devolverlla en forma de recoñecemento ao pobo unha vez máis”.

Pola súa banda, Marisa Barreiro afirmou a súa “satisfacción por realizar este tipo de mostras que visibilizan ás mulleres e que tamén poden contribuír a ampliar o arquivo do IESCHA con novas informacións, na consecución dun traballo colectivo, neste caso, con nome de muller”.

Esta iniciativa pretende poñer o foco sobre moitas vidas de sacrificio por e para os demais. O Concello de Vilalba continuará na loita por unha sociedade onde exista unha igualdade plena de dereitos e liberdades entre homes e mulleres, sen límites que impidan o desenvolvemento da personalidade individual e colectiva das persoas, independentemente do seu sexo.

0.17898297309875