Abre unha nova inscrición para participar na Universidade Sénior da Coruña nas Pontes

TerraChaXa
Reafírmase así o compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores da vila, dando continuidade a unha liña de traballo iniciada en 2018
uned-senior-as-pontes-udc
18 Feb 2026

O Concello das Pontes acollerá, durante os meses de marzo e abril, a oitava edición do programa de democratización do coñecemento para persoas maiores de 50 anos promovido pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña. Esta iniciativa, financiada pola Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello das Pontes, desenvolverase na Casa Dopeso (Rúa de Rosalía de Castro nº 28) da vila pontesa.

O programa ten como obxectivo revalorizar o patrimonio cultural, social e ambiental da zona, concienciar á sociedade sobre a presenza da ciencia no día a día e recoñecer o valor das disciplinas artísticas a través do coñecemento e das experiencias compartidas.

Tania Pardo, concelleira de Benestar Social do Concello das Pontes, sinala que “con este programa, ambas entidades tratamos, un ano máis, de achegarnos ás persoas maiores de 50 anos da vila, promover o envellecemento activo e dar resposta ás súas inquedanzas e necesidades formativas, como vimos facendo de forma conxunta desde o ano 2018. É unha oportunidade única para que manteñan a súa mente activa, amplíen os seus coñecementos e se involucren na vida social e cultural da vila. Fomentar o envellecemento activo non só mellora a calidade de vida, senón que tamén fortalece a comunidade no seu conxunto”.

O prazo de inscrición, de carácter gratuíto, estará aberto do 19 de febreiro ao 4 de marzo. As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición en liña a través do espazo web da Universidade Sénior As Pontes (https://universidadesenior.org/as-pontes/) ou de forma presencial na Secretaría de Alcaldía do Concello das Pontes, na Casa do Concello.

O programa estrutúrase en tres módulos. O primeiro módulo, Humanidades e Ciencias Sociais, inclúe “O xigante esperto: China, a gran descoñecida” do profesor Iván Nieto Cerdeiriña, “Arte de vangarda: manual de instrucións” do profesor Fernando Agrasar Quiroga, e “A xustiza penal en España: mitos e realidades” da profesora Eva Mª Souto García e do profesor J. Antonio Ramos Vázquez.

O segundo módulo, Ciencias da Terra e Tecnoloxía, contará coa profesora Miriam Timiraos Díaz cunha sesión sobre a revolución dixital na xestión da auga, a profesora Socorro Castro García sobre o coche do futuro e a utilización do hidróxeno, e o profesor José Antonio Cortés Vázquez sobre enerxías renovables e transición ecolóxica.

O terceiro módulo, Ciencias da Vida e da Saúde, abordará temas como o cerebro, a memoria, o sono e a música, a evolución e as decisións individuais sobre a vida, e o cambio climático, a través das intervencións do profesor Casto Rivadulla Fernández, da profesora Esther Fernández Fernández e do profesor Salvador Fojón Polanco.

Co apoio e colaboración do Concello das Pontes, a Universidade Sénior reafirma o seu compromiso de achegar a formación universitaria ás persoas maiores da vila, dando continuidade a unha liña de traballo iniciada en 2018 para atender ás súas inquedanzas e necesidades formativas.

⚙ Configurar cookies
0.076622009277344