Abre unha renovada biblioteca municipal en Vilalba
O Concello de Vilalba conta xa cunha renovada Biblioteca Municipal, tras as obras de remodelación levadas a cabo durante os últimos tres meses para acondicionar o espazo.
As obras, cun orzamento de 35.443,82 euros, incluíron como principais actuacións o cambio de fiestras (11.045,9 euros); a instalación de mobiliario novo (12.169 euros), e a substitución do antigo chan por tarima flotante (7.749,41 euros).
“Con esta reforma, poñemos a disposición de todas as persoas usuarias da Biblioteca un espazo acondicionado e máis cómodo, o fomento dos hábitos de lectura desde idades moi temperás é unha prioridade para nós”, asegura a alcaldesa, Marta Rouco.
“A Biblioteca ten que ser un espazo agradable, acolledor, no que dean ganas de pasar o tempo, e esta reforma está pensada con esa finalidade; ademais, fixéronse cambios fundamentais no mobiliario, como as novas fiestras que nos permiten reforzar a seguridade dos usuarios e usuarias e ser máis eficientes enerxeticamente”, engadiu Rouco.
O Concello de Vilalba organizou para a reapertura das instalacións unha xornada con numerosas actividades á que asistiron a alcaldesa e a concelleira de Educación, Infancia e Xuventude, Paula Vigo.
Pola mañá actuou o Club de Regueifa do Basanta e as persoas usuarias do Centro Ocupacional visitaron as instalacións para ver os elementos decorativos que elas mesmas elaboraron para a Biblioteca Municipal.
Pola tarde, está prevista a actuación da agrupación de cantareiras e pandereteiras chairegas Lambe Lambe; a entrega de premios do Reto Lector 2023 e a presentación do Reto Lector 2024, e a presentación do novo club de lectura da Biblioteca Municipal.
Coa remodelación, o concello pintou tamén toda a zona de lectura, tanto a infantil como a de adultos; adquiriu novos estantes; un aparato para imprimir os carnés de socio; creouse unha esquina na zona infantil para un recuncho de lectura, e instaláronse baldas novas que permitiron crear novas seccións.