Ábrese o trámite de competencia de proxectos para o aproveitamento hidroeléctrico do Eume nas Pontes
A Xunta abre o trámite de competencia de proxectos ante a solicitude recibida pola empresa Canerde S.L para unha concesión de augas superficiais para a instalación dun aproveitamento hidroeléctrico no río Eume, no concello das Pontes.
A empresa solicita a concesión dun caudal de auga de 170 m3/s procedente do río para o aproveitamento hidroeléctrico para unha central hidroeléctrica reversible.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, publica hoxe no DOG o anuncio polo que se lle dá inicio á dita tramitación: No seguinte enlace poderase ampliar a información neste enlace.
Coa publicación deste anuncio no DOG comeza o trámite de competencia para que no prazo dun mes o solicitante presente a instancia, así como o proxecto e demais documentación requirida.
A empresa solicitante tamén deberá achegar o estudo ambiental que recolla e avalíe as afeccións do proxecto conforme a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
Tamén se admitirán, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto ou sexan incompatibles con ela, e poderanse presentar, xunto con estas, proxectos en competencia.
Con este procedemento de trámite de competencia de proxectos, Augas de Galicia garante a transparencia e o estrito cumprimento da normativa en materia de augas, co rexeitamento directo de calquera proxecto que vulnere o Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa e a garantía de participación dos axentes interesados.