Achan novas mámoas sen catalogar no Concello de Friol
Membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares veñen de documentar catro novas mámoas sen catalogar no Concello de Friol. Os achados están situados na parroquia de Nodar, a 600 metros de altitude, entre os lugares de A Aldea de Arriba e Fontes. As súas medidas oscilan entre os 17 e 26 metros de diámetro.
A simple vista, só a maior, a de 26 metros, tiña dolmen. Foi esta, precisamente, a que máis chamou a atención xa que hai anos foi atravesada por unha pista, que logo asfaltaron, duns 5 metros de ancho. "Nas fotos do voo americano dos anos 1956-57 apréciase perfectamente que o camiño bordeaba o enterramento, sen tocalo. Ao pasar polo medio a pista, arrancaron os esteos graníticos do dolmen, de considerable tamaño, que aínda se poden ver nos arredores. Consideramos que este enterramento debe ser catalogado xa que conserva uns 10 metros do túmulo a cada lado da pista", explican os descubridores.
Destrucción de mámoas
Por outra parte, tamén na parroquia de Nodar, constataron a destrución de dúas mámoas. Foi nas inmediacións da aldea de Vilariño, a 520 metros de altitude. "Eiquí había unha necrópole megalítica formada por cinco mámoas, tres das cales foron arrasadas hai moitos anos. Pero había dúas que aínda se conservaban, unha delas cun gran dolmen poligonal formado por nove esteos graníticos, inserido nunha mámoa de 30 metros de diámetro, que foi descuberto a finais dos anos oitenta do pasado século polos investigadores Juan Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela", engaden.
No ano 1997 foi catalogado pola Xunta de Galicia co código GA27020198. "Polas ortofotos históricas sabemos que aínda se conservaba no ano 2004, pero no 2005, ao acondicionar o terreo como pastizal, foi destruído na súa totalidade, perdéndose tanto o túmulo como a cámara funeraria. Agora xa non queda ningún enterramento deste cemiterio neolítico duns 6.000 anos de antigüidade", conclúen.
"Dende o noso colectivo lamentamos profundamente o estado de abandono do patrimonio megalítico do concello de Friol onde contamos con exemplares únicos en Galicia, con mámoas de máis de 60 metros de diámetro (algunhas de maiores dimensións que moitos castros) e dólmenes con gravados e pinturas", indican.
Dos máis dos 200 enterramentos que se conservan (había uns 300, pero uns 100 foron arrasados), só un foi protexido recentemente. Atópase no parque empresarial de Friol e se está protexido "débese á denuncia que os do noso colectivo fixemos no ano 2017 pola destrución total (desapareceu) dunha mámoa que se atopaba nas súas inmediacións, o que lle supuxo aos infractores unha elevada sanción por falta grave", din.
"Tanto as descubertas como as desfeitas xa foron comunicadas a Patrimonio da Xunta de Galicia", rematan.