Achan o gravado dun sol nun dolmen de Friol
O Colectivo Patrimonio dos Ancares, a través de Brais Rodríguez Romero, documentou fai uns días un gravado inédito, que se cre que é único en Galicia, e está situado no dolmen da mámoa número 2 da necrópole da Costa de Mera, na parroquia friolesa de Guldriz. Na parte inferior da cara interna dun dos esteos que forman a cámara megalítica vense unhas catorce liñas radiais que parten dun círculo. "Trátase dunha clarísima representación do Sol", di o experto.
Este dolmen, que aínda conserva seis esteos da cámara megalítica, foi descuberto polo investigador Juan F. Núñez Jato a finais dos anos oitenta do pasado século XX, e visitado a mediados dos anos noventa polos arqueólogos César Parcero Oubiña e Carlos Otero Vilariño quen documentaron na parte superior dun dos chantos tres cruces gravadas de factura moi posterior.
Se ben se consideran como soliformes algunhas gravuras aparecidas nun reducidísimo número de dólmenes de Galicia, estas son moi esquemáticas e de non doada interpretación. "Pola contra, a representación deste dolmen de Friol é clarísima, non admitindo dúbidas canto á figura que quixeron representar os seus construtores", engaden.
Na Península, para ver unhas figuras tan nidias do sol insculpidas nun dolmen, aínda que tamén moi escasas, hai que trasladarse a Andalucía, Cataluña, Estremadura ou Portugal.
Na comunicación enviada a Patrimonio da Xunta de Galicia solicitan que por posuír este excepcional gravado, o enterramento sexa declarado Ben de Interese Cultural (BIC).