Achega a Muras de 409.000 euros para a humanización do Campo da Feira do Viveiró

TerraChaXa
A Deputación achega a Muras 409.000€ para a humanización do Campo da Feira do Viveiró, onde se celebran eventos importantes para a comarca
campo da feira viveiro muras
10 Dec 2022

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou colaborar co Concello chairego para a mellora deste espazo no que se celebran eventos importantes para a comarca como a Feira do Mel.

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un convenio de colaboración co Concello de Muras mediante o cal a institución provincial achegará 409.000€ en dúas anualidades para acometer o proxecto de mellora e humanización do Campo da Feira do Viveiró. Así o anunciou esta mañá a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que detallou que o importe total para acometer as obras é de 460.000€, aportando o municipio chairego o 10% restante.

“A colaboración económica que aprobamos hoxe servirá para darlle unha nova imaxe e para facer máis accesible e cómodo para a veciñanza un espazo social tan importante como o Campo da Feira do Viveiró, que acolle eventos importantes para este municipio e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, sinalou García Porto. Unha actuación que se suma ás obras de reordenación e acondicionamento xa acometidas na Praza da Galeguidade desta vila, que financiou integramente a Deputación con 220.000€.

Un exemplo máis, segundo destacou a Deputada, “da continua colaboración que dende a Deputación de Lugo prestamos ós 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños co obxectivo de fixar poboación no territorio”.

0.31515502929688