Acisa repartiu 5.000 euros en vales de compra na VIII Festa do Comercio

TerraChaXa | AMariñaXa
15 Xan 2019

Acisa repartiu na VIII Festa do Comercio 5.000 euros en vales de compra, que os afortunados poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos dous vindeiros meses.
Desde o pasado 1 de decembro Acisa repartiu 200.000 papeletas entre os seus clientes. Máis do 80% foron introducidas nunha urna instalada na carpa na que se celebrou o sorteo esta noite, que durou 35 minutos aproximadamente. Todos os números premiados apareceron moi rápido.
O primeiro foi o denominado como non presencial, que se coñeceu mediante un programa informático, e que lle correspondeu a Isabel Iriarte Rodríguez, que nese momento se atopaba nas inmediacións do parque de San Francisco e xa puido recollelo en persoa.
As outras cinco papeletas foron extraídas polas mans inocentes de Violeta Loredo e Javier Ferreiro, os dous nenos gañadores do concurso de cartas e debuxo Queridos Reis Magos, que convocou Acisa este Nadal. Eles recibiron como agasallo xoguetes.
O premio de 2.000 euros en vales de compra foi para a ribadense Olga Rivas López. O premio de 1.000 euros foi para María Antonia Barcia Fernández tamén veciña de Ribadeo. O premio de 500 euros correspondeulle a Marta Muñiz Suárez, de Ribadeo. Os dous premios de 250 euros foron para Sofía Folgosa Pérez e Isaac Rodríguez Álvarez, ambos de Ribadeo.
As papeletas afortunadas foron entregadas en Bar Queimada, restaurante Marinero, Folder e Farmacia Álvarez Lebredo. E fixeron entrega dos premios: Roberto Rivas e Ramón Loredo, vocais de Acisa; Manoli Torviso, tesoureira; María Antonia López, secretaria da asociación; Juan Andina, vicepresidente de Acisa; Francisco Iriarte, o presidente do colectivo empresarial; e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.  
Desde Acisa calculan que arredor de 3.000 persoas seguiron este sorteo en directo tanto desde o interior da carpa como desde o exterior, en pleno parque de San Francisco. A directiva da Asociación de Comerciantes pide disculpas “polas posibles molestias ocasionadas, porque había tanta xente que sabemos que algúns seguiron o sorteo con certa dificultade desde o exterior. Traballaremos para que na vindeira edición da Festa do Comercio isto non volva ocorrer”.
Desde a directiva de Acisa tiveron palabras de agradecemento para “os traballadores do Concello de Ribadeo polo esforzo realizado para que o sorteo se puidese celebrar hoxe na carpa na que ata onte aínda quedaba xeo da pista que houbo este Nadal. E a El Farero Audiovisuales, a empresa encarga da montaxe de imaxe e son desta VIII Festa do Comercio”. O evento foi presentado pola xornalista e membro da directiva de Acisa Carmen Cruzado e polo xerente da asociación, Jesús Pérez.

0.099636077880859