Acisa Ribadeo cifra no 40% as perdas ocasionadas no comercio pola covid-19

TerraChaXa | AMariñaXa
A nova normalidade traída pola pandemia do covid-19 ocasionou unhas perdas do 40% ao empresariado ribadense durante o pasado ano 2020.
14 Xan 2021

A nova normalidade traída pola pandemia do covid-19 ocasionou unhas perdas do 40% ao empresariado ribadense durante o pasado ano 2020. Así se desprende da enquisa realizada por Acisa entre as súas asociadas e asociados ao longo dos últimos días.

Segundo indica Francisco Iriarte, presidente de Acisa Ribadeo, “tras analizar os datos das consultas feitas por escrito e telefonicamente aos nosos socios e socias, así como os datos da campaña das panchas, podemos falar dunha media de perdas das empresas ribadenses de algo máis do 40 % o pasado ano. A cifra oscila nunha pinza que se sitúa entre o 35% de media no sector do comercio e o 55 % no da hostalería, sempre comparando os datos con respecto ao ano 2019”.

Iriarte Quintana sinala que durante a pasada campaña de Nadal as perdas foron algo maiores: “de media no empresariado ribadense as perdas foron algo máis do 45%, especialmente notouse o descenso de vendas no sector da hostalería, onde a media sitúase por encima do 60 % e é algo menor no comercio cunha media do 30%. Hai que lembrar que non houbo celebracións familiares nin de empresas durante o Nadal, co que iso supón para a facturación dos establecementos hostaleiros. E iso tamén repercutiu nas vendas de roupa de festa, zapatos, complementos, salóns de peiteado, etc”.

O xerente de Acisa, Jesús Pérez, manifesta que “se trata de datos globais, medias aritméticas, aínda que evidentemente hai excepcións nas que as cifras non chegan a ser tan elevadas como é o caso de alimentación, e algún determinado sector comercial ou de servizos. Tamén hai exemplos de perdas maiores, como é o caso do lecer nocturno que practicamente estivo pechado todo o ano e que rolda o 100 %”.

Pérez Prada engade que “na enquisa realizada nos últimos días consultamos respecto a outras cuestións que nos poden dar unha fotografía fixa da situación pola que está a atravesar o empresariado de Ribadeo. Máis do 60% dos negocios tiveron que recorrer algún tipo de axuda ou préstamo, o outro 40% foi tirando de aforros, o cal fará que, se a actual situación prolóngase moito tempo, teñan que recorrer a axudas neste 2021. Outro dato importante é que a maior parte, especialmente do comercio, reaxustou as compras a provedores, para reducir custos e así minimizar perdas. Ademais ao redor do 40% dos negocios mantén algún tipo de ERTE ou reducións de xornada laboral. Destaca especialmente o mantemento do emprego, ao peche do 2020 as cifras de despedimentos son moi baixas e esperamos que se poida manter así a situación”.

Para o presidente de Acisa, Francisco Iriarte, “estes datos cremos que falan moi ben da capacidade de resistencia dos nosos negocios, da capacidade de adaptación e da profesionalidade e rigor coa que se xestionan. Non falan tan ben das axudas das administracións, un punto en común de practicamente todas as respostas que tivemos foi as poucas axudas e o pouco útiles que foron ata o momento. O recurso máis utilizado foi o de solicitar préstamos no canto de axudas, o cal di moi pouco de como son as axudas. Practicamente inexistentes, pouco útiles para os problemas reais das empresas e en moitos casos con criterios que fan que se deneguen aínda tendo unha situación moi precaria economicamente”.

O xerente de Acisa continua relatando que “para completar a visión económica do empresariado ribadense axúdanos tamén coñecer os datos que se desprenden da recentemente terminada campaña das panchas. No que durou a campaña, os 57.000 euros investidos de fondos públicos (procedentes do Concello de Ribadeo) xeraron máis de 300.000 euros de movemento económico e un volume de máis de 6.500 vendas no comercio e a hostalería locais. Se analizamos os datos con detemento, é moi destacable a pouca repercusión que tiveron as panchas no sector hostaleiro, que recibiu pouco máis do 5% das postas en circulación. No comercio os sectores con maior movemento foron a decoración, a roupa deportiva, a electrónica e os electrodomésticos, as xogueterías e as librerías. Non queremos dicir con iso, que non tivesen perdas, se non que o seu movemento económico foi mellor que o rexistrado nos doutros sectores, e resistiron algo mellor a situación. O sector da alimentación mantense, máis ou menos estable, e nótase unha baixada máis pronunciada en xoierías, zapaterías, estética e tendas de moda especialmente”.

Francisco Iriarte destaca que “a campaña das panchas foi moi útil, así nolo estiveron dicindo os nosos socios e socias. Foi un esforzo económico importante por parte do Concello de Ribadeo, o cal agradecemos polo enorme impacto positivo que tivo. Na parte que máis nos toca, nos enorgullece a valoración que fan do noso traballo os asociados de Acisa, cun notable alto de media. Pero isto non fai máis que animarnos a seguir traballando para mellorar, sempre se poida facer máis e mellor. Isto serviunos tamén para tomar nota de suxerencias e achegas que tentaremos desenvolver ao longo do ano que acabamos de iniciar”.
0.18845391273499