Acisa Ribadeo repartirá 400 euros en vales no IX Concurso Fotográfico Día do Pai
Acisa Ribadeo convoca o IX Concurso Fotográfico Día do Pai no que repartirá 400 euros en premios. As fotografías poderán subirse ao facebook da asociación ata o vindeiro día 19.
No concurso poden participar todas as persoas maiores de idade que o desexen e os traballos presentados non puideron ser publicados previamente en revistas, xornais, libros impresos ou sistemas online, nin puideron ser obxecto de ningún outro premio fotográfico.
As fotografías deben subirse á páxina do facebook de Acisa, mediante a app instalada para tal efecto. Deberán indicar un título da obra, o seu correo electrónico e o teléfono. As persoas que se vexan na fotografía terán que ter vínculo familiar e entenderase que no caso de saír menores, a fotografía foi sacada e publicada coa autorización dos pais e titores legais.
A aplicación no facebook funcionará dende as 00:00 horas de hoxe, 6 de marzo, e desde ese momento as fotos poderanse subir á plataforma. O prazo máximo de envío será ata as 23:59 horas do día 19 de marzo, que será cando a app deixe de admitir imaxes. Durante ese prazo, do 6 ao 19 de marzo, terá lugar a votación popular que dará lugar ao Premio do Público. E entre as 10 imaxes máis votadas na aplicación, exceptuando a gañadora do Premio do Público, realizarase unha selección por parte do xurado das dúas mellores. A resolución desta selección dará lugar ao Premio do Xurado.
A publicación oficial realizarase o día 20 de marzo en redes e medios, para comunicar a resolución de ambas categorías, así coma a título persoal aos agraciados. O xurado estará composto por representantes da asociación e fotógrafos profesionais asociados.
Na modalidade de Premio do Público haberá un único premio de 150 euros en vales de compra para gastar nos locais asociados a Acisa. Na categoría de Premio do Xurado outorgaranse un 1º Premio dotado de 150 euros en vales de compra e un 2º Premio de 100 euros tamén en vales de compra.
Os premiados deberán contestar á chamada telefónica que se realizará dende as oficinas de Acisa e realizaranse tres intentos, no caso de non atender a chamada pasarase ao seguinte seleccionado.
As fotografías premiadas e as presentadas poderán ser utilizadas nas diferentes plataformas de difusión de Acisa, co único obxecto de promocionar a fase participativa do concurso.
Desde Acisa explican que “seguimos con esta campaña conscientes de que é un dos concursos que organizamos que máis lle gusta ao público. Sempre hai unha enorme participación e moito maiores son as votacións das fotos presentadas ao certame. Pensamos tamén que é unha boa ferramenta para os socios e socias de Acisa, xa que para participar e/ou votar hai que ver o facebook da asociación, onde diariamente compartimos as publicacións das nosas asociadas e asociados. Trátase pois dunha época nas que as nosas redes sociais teñen máis visitas”.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos anima a participar no IX Concurso Fotográfico Día do Pai.