Acometen as obras de reparación da cuberta do pavillón de Vilalba
O Concello de Vilalba ultima os derradeiros traballos na cuberta do pavillón municipal co obxectivo de solucionar as deficiencias que presentaban as instalacións e as recorrentes filtracións de auga que afectaban, fundamentalmente, á zona de vestiarios.
Máis concretamente, as obras, que supuxeron unha inversión de máis de 70.000 euros, comezaron coa substitución dos 70 paneis translúcidos existentes na cuberta debido ao estado de "regular conservación" no que se atopaban, tal e como apuntaba o estudo técnico realizado de forma previa á licitación da obra. Nesa liña, colocáronse novos paneis de poliéster e, á súa vez, realizouse un repaso e unha reposición total da tornillería da cuberta, así como das chemineas.
Pola súa banda, as actuacións tamén incluíron a colocación dun novo sistema de babeiro na xunta de encontro da fachada do pavillón coa zona de vestiarios, na cal, ademais, se retirou a antiga cuberta de fibrocemento para colocar unha nova de paneis sándwich de chapa precalada.
"Grazas a estas obras poderemos solucionar as múltiples deficiencias que presentaban as instalacións, tales como a humidade nos vestiarios, as goteiras, a cor amarelada e o deterioro dos lucernarios, así como os diversos problemas de filtración que impedían un uso axeitado das instalacións" sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.
Ademais, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, explicou que "en total as actuacións realizáronse sobre máis de 1.700 metros cadrados e a súa complexidade, así como as condicións meteorolóxicas e os requisitos legais, fixeron que se demoraran no tempo máis do previsto".
Non obstante, o pavillón municipal contará finalmente para a vindeira tempada cunha cuberta totalmente renovada que paliará as incomodidades que viñan sufrindo os clubs deportivos que fan uso da instalación.
E ademais, "as renovadas instalacións, que estarán rematadas para a vindeira semana, permitirán aos nenos e nenas dos campamentos municipais desenvolver sen incidencias as súas actividades nos días que chova ou as condicións meteorolóxicas non sexan óptimas para permanecer ao aire libre", sinalou a alcaldesa, Marta Rouco.