Acometerán melloras no barrio mindoniense de Seivane
O goberno municipal de Mondoñedo prepara novas intervencións na zona rural do municipio. Una delas ten por obxectivo conseguir melloras relevantes para os residentes no barrio de Seivane.
A iniciativa que desenvolverá en Seivane o Concello consiste na reforma do acceso pola zona sur. Está prevista a ampliación do acceso, pavimentación e renovación das canalizacións.
A obra, que é moi necesaria para a mellora da calidade de vida dos veciños, ten un orzamento de 34.957,28 euros e forma parte das incluídas no Plan Único 2020.
O Concello agradece a colaboración prestada polos veciños e a receptividade que mostraron en relación coa proposta municipal.
Dende o goberno local sinálase que a mellora dos accesos ás vivendas dentro dos núcleos é un dos seus obxectivos.
O barrio de Seivane ten, entre os seus atractivos, a ermida de San Xoán. Esta pequena capela é unha construción do século XV que sufriu diversas reformas ao longo do tempo. Ten planta rectangular, con nave central e arco triunfal oxival, que dá paso ao presbiterio. A fachada principal, de gran sinxeleza, está remata por unha espadana dun só vano. No interior da capela hai un retablo do século XVII, coas figuras de San Xoán Bautista, Santa Lucía, San Xosé e San Pedro, entre outros.