Acordeireta fará unha dobre actuación o venres en Castro
Acordeireta, o dúo conformado por Patricia González Iglesias (pandeireta e voz) e Alex Balbuena (acordeón, bombo e voz), ofrecerá este venres unha dobre actuación en Castro. Ás 13.00 horas estará na carballeira de Castro Ribeiras de Lea e ás 22.00 horas na praza maior de Castro de Rei.
Estilo e son propios, nos seus temas (tradicionais, de autor e unha gran parte de creación propia) mesturan diferentes ritmos para crear un ambiente fresco e contundente, para escoitar, e tamén para bailar.
As muiñeiras, xota, rumbas… que interpretan falan de feminismo, do lume, da lingua, da emigración, da memoria histórica, dos animais… e non falta a poesía de Rosalía, Carvalho Calero, Celso Emilio, Curros Enríquez, Luz Fandiño...
A entrada é libre ata completar o aforo.