Acordo a tres bandas para dedicar a José Yáñez García a andaina anual da Pastoriza

TerraChaXa
A proposta das entidades asociativas contou co apoio do goberno local
firma-convenio-andaina-pastoriza
1 Aug 2025

O Concello de A Pastoriza, a Asociación de Empresarios (Asapa) e a Asociación Cultural e Deportiva Miño Vivo (ACD Miño Vivo) acordaron designar oficialmente á andaina popular que celebra anualmente A Pastoriza como Andaina popular José Yáñez García.

Marcos García Lombardero, tenente de alcalde da Pastoriza en representación do Concello, José Manuel García Méndez, en representación da Asapa, e Álex Luna Méndez, presidente da ACD Miño Vivo asinaron o acordo o 29 de xullo formalizando o apoio do Concello á proposta das entidades asociativas.

A andaina popular que se celebra anualmente no termo municipal de Pastoriza constitúe “un evento de grande valor social, deportivo e cultural, promovido pola colaboración entre o Concello e o tecido asociativo local”, segundo coinciden.

As entidades asinantes recoñecen a figura do ex alcalde José Yáñez García como “persoa clave no desenvolvemento, promoción e defensa do patrimonio, da natureza e da vida asociativa no Concello da Pastoriza, amosando sempre un compromiso firme co ben común”.

Polo tanto, o Concello, Asapa e a ACD Miño Vivo consideran “xusto e necesario” renderlle unha homenaxe pública e permanente, “poñendo en valor o seu legado, compromiso e entrega á veciñanza”.

Este nomeamento realizarase con carácter permanente, incluíndoo na promoción, cartelería, documentación oficial e comunicación pública do evento en futuras edicións.

⚙ Configurar cookies
0.099668025970459