Acordo para que a Torre de Caldaloba pase a ser de titularidade municipal

TerraChaXa
Ao abeiro desta nova alianza, garantirase a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia
torre de caldaloba cospeito
6 Jun 2022

Ao abeiro desta nova alianza, garantirase a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia.

A Xunta e o Concello de Cospeito asinaron hoxe un convenio de colaboración para que a Torre da Caldaloba sexa de titularidade municipal, o que supón que se garantirá a recuperación, conservación e mantemento deste BIC, un dos máis de 700 cos que conta Galicia. O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, formalizou hoxe o acordo, dotado con 100.000 euros.

Como expresou o titular de Cultura da Xunta, o Goberno autonómico continúa así apostando pola conservación do patrimonio histórico do rural galego “a través duns investimentos que permiten a súa posta en valor e traballar de xeito coordinado cos concellos para manter viva a nosa historia”. Neste sentido, referiuse ao caso concreto da Torre de Caldaloba, por cuxa conservación vén apostando a Xunta, cuns primeiros traballos para a consolidación da estrutura e reducir o ritmo de degradación e, máis recentemente, cunha campaña arqueolóxica que puxo de manifesto o seu valor histórico ao constatar que puido estar asentada nun asentamento castrexo.

O acordo asinado hoxe dá resposta ao interese do Concello de Cospeito por adquirir a Torre e parte de parcelas ocupadas polos fosos e murallas co fin de poñer en valor este elemento singular da historia deste municipio lucense e de Galicia.  A torre foi declarada BIC en 1949. Tamén coñecida como Castelo de Vilaxoán, está na parroquia de San Martiño de Pino. É de época medieval e está datado nos séculos XIV-XV, período do que se conserva en pé unicamente a Torre da Caldaloba. Ten unha  importante significación histórica debido a súa relación coa revolta dos Irmandiños e co Mariscal Pardo de Cela.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12134099006653