Actividades lúdicas para a rapazada, teatro e música polo Nadal en Guitiriz
O Concello de Guitiriz impulsa un novo programa de Conciliación Laboral e Familiar con actividades lúdico – festivas para os nenos e nenas de idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos para desenvolver durante este Nadal.
O Concilia do Nadal desenvolverase na Casa Habanera en horario de dez a dúas en dúas quendas: unha, entre o 26 e o 29 de decembro e outra, entre o 2 e o 5 de xaneiro.
O prezo destas actividades é de 15 euros por cada quenda ou 25 no caso e formalizar a matrícula nas dúas. En calquera caso, as persoas interesadas poden inscribirse na Casa do Concello ata o mércores 20 de decembro.
Máis actividades
A maiores, o Concello programa actividades puntuais dirixidas tamén ao público infantil. O venres 22 chegará Papá Noel a Guitiriz e o sábado 23 a partir das seis da tarde será a quenda de teatro con monicreques con "O Castiñeiro do Apalpador".
E a semana seguinte, para o mércores 27 está prevista unha viaxe en tren a Lugo para o que os participantes do "Concilia tamén no Nadal" deberán achegar 5 euros. No caso do resto dos interesados e interesadass en participar de entre 4 e 16 anos deberán achegar 10 euros. o prezo inclúe a viaxe, o transporte por Lugo e a comida.
O venres 29 a Banda Folk de Rivas de Sil ofrecerá un concerto ás oito e media do serán e o sábado 20 será a Escola Municipal a que poña música a partir das oito do serán.