Acusan ao presidente da Deputación de ser autoritario sobre o tema das residencias

TerraChaXa | LugoXa
O Grupo Provincial do Partido Popular considera que o presidente da Deputación, “emparapetado detrás dun cronómetro, rectificou o seu intento de deixar colgados aos 18 Concellos que teñen residencia”.
23 Ago 2019

O Grupo Provincial do Partido Popular considera que o presidente da Deputación, “emparapetado detrás dun cronómetro, rectificou o seu intento de deixar colgados aos 18 Concellos que teñen residencia”. A este respecto, o vicevoceiro, Javier Castiñeira, afirma que se senten “abraiados polo autoritarismo, e incluso machismo, que o socialista demostrou no día de onte durante a súa intervención final, restrinxíndonos o uso da palabra”; o que supón, indica, “un retroceso na participación democrática, no diálogo e na transparencia”.

Refírese o popular á actitude amosada polo dirixente provincial ante a petición da voceira desta formación, Elena Candia, nun intento, “máis que xustificado e por alusións explícitas”, de respostar as aseveracións do presidente, contestando este literalmente: [...] porque vostede pulse o botón, non quere dicir que teña o uso da palabra. A lei di que pode pedila e o presidente pode darlla, pero non facelo. Se está acostumada, olvídese que iso xa non. Darlle ao botón e falar sen permiso, non [...]”.

Ante este feito, “perfectamente constatable e que todos puidemos comprobar”, Castiñeira indica que “a importancia dun presidente non é ir cun látigo, senón xestionar”; faceta esta última, afirma, “da que adolece, pois o único que fixo ata o día de hoxe foi chegar ao sillón a cambio de deixar polo camiño a compañeiros como o expresidente Campos”.

Con todo, dende o PP defenden que se logrou o compromiso de execución e xestión dos dezaoito centros proxectados por parte do organismo provincial, e reiteran que seguirán de preto as xestións que emprendan ao respecto, co fin de que realmente se faga realidade a palabra dada no Pleno, pois “dicir dixo que si o farían, pero, sen embargo, votar votou en contra”.

0.097171068191528