Adega arranca unha campaña para frear o parque eólico de As Louseiras, previsto para Pastoriza e Meira

A asociación ecoloxista Adega pon en marcha unha nova campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para recorrer no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) o polígono eólico As Louseiras, proxectado pola empresa Greenalia nos concellos lucenses de Pastoriza e Meira. O proxecto contempla a instalación de 3 aeroxeradores de ata 200 metros de altura nunha contorna ambientalmente sensible, con graves impactos sobre a biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural.
En concreto, Adega procura fondos solidarios para afrontar os custos técnicos e xurídicos do recurso de alzada e do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, contra a autorización administrativa previa e de construción deste proxecto eólico, co obxectivo de evitar a súa implantación.
O parque eólico As Louseiras localízase maioritariamente dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, concretamente na súa zona tampón, e ocupa unha área cualificada polo propio Ministerio para a Transición Ecolóxica como de “sensibilidade ambiental máxima” e de exclusión para a implantación de parques eólicos. Ademais, o polígono sitúase a pouca distancia dunha área proposta pola Xunta para a ampliación da Rede Natura 2000, e tamén a menos de 5 km da Área prioritaria para a conservación da avifauna ameazada da Terra Chá.
Adega advirte tamén dunha posible fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, xa que As Louseiras comparte poligonal e infraestruturas cos parques eólicos Monzón, Ventisca (os dous en tramitación) e Carballal (autorizado e recorrido por Adega), todos eles promovidos por Greenalia e deseñados para fornecer enerxía á planta de Alcoa na Mariña. Esta división dos proxectos, alerta a organización, podería constituír unha fraude de lei, ao minimizar artificialmente os impactos avaliados no procedemento ambiental, xa que non se consideran os efectos sinérxicos e acumulativos do conxunto das instalacións, que ademais evacúan pola mesma liña eléctrica.
Risco para a avifauna ameazada e para o patrimonio
Ao tempo, os ecoloxistas defenden que o proxecto eólico As Louseiras presenta unha afección directa sobre especies protexidas e ameazadas, como o millafre real (Milvus milvus), a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), todas elas con presenza constatada na contorna inmediata do proxecto. No caso do millafre real, especie catalogada en perigo de extinción, existe un durmidoiro situado a menos de 3,5 km dos aeroxeradores proxectados e a menos de 400 metros da liña de evacuación compartida cos parques de Monzón e Ventisca. Tendo en conta que as áreas de campeo e forraxeo desta especie poden acadar unha media de 12,5 km arredor dos seus durmidoiros, a localización do parque supón un elevado risco de colisión e perturbación para estas aves, que non foi adecuadamente avaliado no estudo de impacto ambiental.
"A nivel paisaxístico e cultural, o parque eólico As Louseiras provocaría alteracións en espazos de grande valor natural e cultural. O proxecto afecta as Áreas de Especial Interese Paisaxístico do Pedregal de Irimia e de Fonmiñá, así como o miradoiro do Pico do Forno de Martín, un dos puntos máis emblemáticos da Serra de Meira", din.
Cren que tamén se verían alterados o Itinerario de Interese Paisaxístico Serra de Meira, o sendeiro Augas de Fonmiñá, o Castro de Saá e o trazado histórico da Vía Rexia, unha vía de peregrinación documentada que conecta Vegadeo con Lugo e enlaza co Camiño Primitivo. A acumulación de grandes infraestruturas industriais nun espazo de alto valor natural e cultural suporía, segundo ADEGA, unha perda irreversible da súa integridade paisaxística e patrimonial.
Adega fai un chamamento á cidadanía a apoiar a campaña #TiPodesParalos para evitar a construción deste parque eólico na Terra Chá, e lembra que as doazóns desgravan en Facenda ata un 80%. A primeira fase da recadación terá unha duración dun mes desde este venres, 19 de decembro, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.600 euros, que serán destinados a presentar recurso de alzada e elaborar o informe técnico ambiental. Xa nunha segunda fase, de 2 meses de duración, ADEGA procurará reunir o importe restante, 3.700 euros, para interpoñer recurso contencioso-administrativo e solicitar a paralización cautelar.
Ata o de agora, a campaña de doazóns #TiPodesParalos permitiu á organización recorrer nos tribunais unha trintena de proxectos eólicos ao longo de todo o territorio galego, a meirande parte freados cautelarmente no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.