Adega califica de optimista o censo do lobo realizado pola Xunta

TerraChaXa | AMariñaXa
Os ecoloxitas afirman que a Xunta debería asumir a protección do lobo en lugar de manobrar para excluilo da Listaxe de especies en réxime de protección especial.
3 Xan 2023

Os ecoloxitas afirman que a Xunta debería asumir a protección do lobo en lugar de manobrar para excluilo da Listaxe de especies en réxime de protección especial.

Adega cuestiona a satisfacción da Xunta ante o anuncio dos resultados do novo censo das poboacións de lobo en Galiza, "parabenizándose a si mesma" de ter aumentado en tres grupos máis con respeito ao anterior censo (2015).

Dado que se trata dunha especie protexida, incluída na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial ao amparo do RD 139/2011 de 4 de febreiro, afirma que a validez dos datos deberá ser contrastada pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade e o propio Ministerio. O seguemento da avaliación da especie debe facerse de modo coordenado co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico aplicándose as mesmas metodoloxías.

En todo o proceso de elaboración do estudo, destacan "unha cuestionable falta de transparencia" pois se ben foi contratado para realizarse durante o ano 2021, ampliouse a un segundo ano (2022), "por ter deparado o primeiro censo de campo uns resultados moi negativos cun importante descenso da poboación, un segredo a voces difícil de ocultar".

Os datos propios recollidos por Adega din que nestes últimos anos a evolución das mandas por provincias tería sido desigual, o que pode provocar unha distorsión interesada na información que se ofrece. Hai territorios dos que se coñecía a presenza histórica, nos que se constatou a desaparición de varias mandas, casos concretos das provincias de Pontevedra e Coruña. "Se ben nalgunha comarca de Lugo teríase rexistrado algunha mellora, o que axuda a matizar a cifra do censo global, os datos non agochan os problemas de conservación que afectan a esta especie".

"Xa que logo, as cifras anunciadas pola Xunta deben interpretarse con cautela. Con elas non pode concluírse que sexan tan favorábeis como se dixo e menos aínda falar de robustez e estabilidade da poboación. O que se anunciou foi a detección de 93 mandas, sobre as 90 estimadas no último censo publicado no 2015, uns datos tamén semellantes aos censo de 2003. Isto suporía un incremento de só 3,3%, que como estima e tendo en conta a incertidume inerente ao método, significa que as cifras son as mesmas que xa se coñecían. Amosan unha poboación estancada, que nin diminúe nin aumenta significativamente, feito que indica de paso unha mortalidade moi elevada que non pode sustentarse só por causas naturais. Será interesante coñecer, cando se libere o conxunto dos datos, como se comporta esta tendencia por provincias e comarcas, e ver que medidas adopta a Xunta naqueles lugares onde existe unha reiterada mortalidade que chegou a provocar a desaparición de mandas completas", explican.

Conclúen en Adega que a taxa de reposición por reprodución é practicamente cero. Hai lugares no país, onde todos os anos morren tantos lobos como nacen, nunha cifra que estaría por riba dos 200 lobos anuais. Entre as causas desta mortalidade continúan destacando a caza furtiva (tanto en eventos de cacerías clandestinas como en batidas legais para outras especies); lazos (en aumento nos últimos anos) e o uso de veleno, así como os atropelos.

Finalmente Adega esixe á Xunta que asuma de vez a inclusión do lobo na Listaxe de especies en réxime de protección especial e abandone a súa actitude obstrucionista. Só así poderá aprobarse a estratexia de conservación estatal e dispoñer canto antes dos fondos para prevención, pago de danos e medidas de coexistencia. Como acaba de lembrar a Consello da UE non hai xustificación científica para rebaixar a protección do lobo como demandan a Xunta e os seus acólitos.

0.15092992782593