Adega comezou o proxecto de recuperación dos valados tradicionais en Muras
Un grupo de persoas voluntarias coordinadas por Adega traballaron este venres na restauración dun valado de pedra seca tradicional na zona das Ucheiras, en Muras. A actividade desenvolveuse no marco do proxecto Patrimonio Rural. Custodiando o noso legado máis singular, que a asociación ecoloxista desenvolverá nos vindeiros meses co financiamento da área de Medio Rural da Deputación de Lugo e que inclúe diferentes accións de divulgación, custodia, restauración e conservación do patrimonio cultural e ambiental en entornos rurais da provincia.
O deputado de Medio Rural Daniel García achegouse ata Muras para coñecer de primeira man as tarefas desenvolvidas na zona e valorou “a iniciativa pola súa contribución á recuperar e divulgar o valor cultural e ambiental destes muros de pedra seca, unha técnica de construción declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco”
A xornada é a primeira das actividades desenvolvidas dentro do programa “Patrimonio Rural. Custodiando o noso legado máis singular”, que, ademais dos muros tradicionais, atenderá outros elementos patrimoniais como mámoas, dolmes ou petróglifos, reforzando o traballo que Adega ten realizado neste eido con acordos de custodia con titulares de terras en distintos concellos e comarcas.
Entre outros obxectivos, o programa, que conta cunha achega de 15.000 euros por parte da área de Medio Rural, servirá como paraugas para ampliar os acordos de custodia do territorio na provincia, crear unha base de datos de persoas e entidades propietarias para a custodia territorial e adquirir en propiedade novas parcelas. Tamén se actuará no ámbito do voluntariado, involucrando nos grupos á poboación local e formando ás persoas voluntarias na defensa e na restauración do patrimonio.
O proxecto inclúe ademais actividades de divulgación e interpretación, como a instalación de sinaléctica e paneis informativos, a organización de charlas e roteiros ou a elaboración de material divulgativo e didáctico.
Ao tempo, o desenvolvemento das actividades permitirá detectar ameazas concretas ao patrimonio rural e ofrecer asesoramento ténico e xurídico á veciñanza afectada, así como avanzar na catalogación e inventariado de bens patrimoniais que requiran desas figuras de protección.